Actividades desenvolvidas na edidición de 2023

Nesta edición poñemos o foco nas violencias machistas en contextos de lecer, na festa e no ocio nocturno, tendo como público obxectivo principal a mocidade.

Acto institucional coa participación de Caamaño & Ameixeiras

Terá lugar o venres 24 de novembro ás 10:45 no Pazo Provincial da Coruña. As artistas lerán un texto propio e interpretarán dúas pezas do seu repertorio en formato acústico.

Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz) forman Caamaño & Ameixeiras, un dúo galego ligado á música e ao baile de raíz. Desde o seu nacemento, en 2018, este dúo conta cunha intensa traxectoria, tanto a nivel nacional como internacional. Tomando como punto de partida a tradición, o dúo consegue crear unha linguaxe propia e única, con composicións e arranxos persoais e vivos que manteñen a esencia do popular incorporando recursos contemporáneos e situando a emoción en primeiro plano.

Realización de 14 obradoiros ao longo do mes de novembro

Os obradoiros abordarán conceptos chave arredor das violencias machistas en contextos de lecer e ocio nocturno dos que sairán varias micro pezas dixitais en formato stop motion que iremos colgando na web.

Arrancan o 9 de novembro e percorrerán varios concellos:

  • 9 Novembro Asociación Íntegro de Cabana de Bergantiños
  • 11 Novembro Colectivo @turbinaespacial de Boiro
  • 13 Novembro IES Punta Candieira de Cedeira
  • 14 Novembro IES Poeta Añón de Outes
  • 15 Novembro A Pobra do Caramiñal
  • 17 Novembro IES Maximino Romero de Lema de Baio-Zas
  • 20 Novembro IES Rosalía Mera da Coruña
  • 21 Novembro CIPF Coroso de Ribeira
  • 22 Novembro IES Puga Ramón da Coruña
  • 23 Novembro Corcubión
  • 24 Novembro IES Nº 1 de Ordes
  • 28 Novembro Valdoviño
  • 30 Novembro Coirós
  • 4 Decembro Arzúa

Os obradoiros están formulados en positivo e buscan cuestionar mensaxes e hábitos que alimentan que as violencias sexuais sigan a reproducirse, obradoiros nos que repensar o uso e gozo do lecer, da festa ou do consumo responsable para construírmos relacións igualitarias, en liberdade e con respecto.

Clic aquí para consultar as pezas audiovisuais.

A Deputación da Coruña no marco da campaña “DE FRONTE á violencia de xénero” presenta a actividade #RompeOSilencio

Esta iniciativa busca “visibilizar as situacións de violencia, nun exercicio colectivo no que compartir experiencias de xeito seguro na propia rúa”, recorrendo diferentes cidades do territorio galego. Os vídeos con testemuños de situacións reais irémolos colgando na web.

#RompeOSilencio nace da necesidade de dar voz ás mulleres e visibilizar as súas experiencias no ámbito da violencia sexual, así como das consecuencias que sofren por mor da cultura da pornografía. O obxectivo é loitar contra o estigma das súas vivencias, normalmente condenadas ao silencio, nun exercicio práctico no que poidan compartilas con outras mulleres de maneira segura.

📍 Santiago (Praza Roxa) – 16 de novembro, de 16h a 19h
📍 Cee (Praza 8M) – 17 de novembro, de 16h a 19h
📍 A Coruña (Praza de Lugo) – 18 de novembro, de 16h a 19h
📍 Ferrol (Cantón de Molíns) – 19 de novembro, de 16h a 19h

Clic aquí para consultar os vídeos que saíron de cada encontro.

Recursos

A programación da campaña complétase coas actividades, guías e outros recursos dispoñibles para a súa consulta e que aumentan ano tras ano. Poñemos á disposición de familias e persoal educador material para traballar arredor da violencia de xénero.

Tamén está dispoñible para a súa descarga a imaxe gráfica da campaña en distintos formatos.

Programa #DeFronte 2023 (PDF).