Actividades campaña 2025-2026: Novas violencias machistas dixitais

As propostas desta anualidade abordan os novos relatos, dinámicas e expresións das violencias machistas no ámbito dixital, articuladas arredor de tres liñas de traballo:

  • Comunidades dixitais masculinas e discursos de odio contra as mulleres (manosfera e contidos afíns).
  • Tendencias e narrativas que promoven modelos de submisión feminina (coquette, tradwife, soft girl, pick me girl, entre outras).
  • Impacto das tecnoloxías dixitais e da intelixencia artificial na creación, reprodución e difusión destas formas de violencia.

Na actualidade, plataformas sociais, espazos audiovisuais e foros en liña funcionan como canais onde medran mensaxes que normalizan a desigualdade e consolidan novas formas de control. Moitas destas narrativas preséntanse cun verniz de liberdade persoal ou estilo identitario, mais en realidade reforzan mandatos tradicionais, romanticizan a obediencia feminina e alimentan a violencia simbólica.

Tanto o avance da manosfera como a popularización das estéticas tradwife ou coquette, xunto co uso da intelixencia artificial para crear contidos sexuais non consentidos, forman parte dun ecosistema patriarcal dixital no que as presións e expectativas recaen especialmente sobre as mulleres máis novas.

Os contidos e materiais serán incorporados e actualizados nesta sección ao longo de todo o ano.

Actualmente estamos a traballar en:

  • Campaña de sensibilización sobre as novas violencias machistas dixitais, orientada a sensibilizar e promover pensamento crítico ante estas dinámicas de risco.
  • Desenvolvemento de materiais pedagóxicos e de traballo, que inclúen guías, fichas formativas, recursos formativos e materiais descargables.
  • Xornada formativa, 23 de abril de 2026: formación e intervencións de persoas expertas para explorar solucións fronte ás violencias machistas dixitais e os seus novos escenarios. Ver programa completo.
  • Creación de contidos dixitais pensados para favorecer acomprensión de conceptos clave e o recoñecemento desituacións vinculadas ás violencias machistas no eidotecnolóxico. Todos estes materiais están sendo colgados na nosa sección de recursos.

Acto simbólico 25N

A Deputación da Coruña desde a súa Área de Igualdade propón levar a cabo nesta data un acto simbólico no que participen todas as entidades adheridas á campaña DEFRONTE.

Este acto ten por obxectivo conmemorar as vítimas mortais da violencia machista e pretende facer visibles as violencias que permanecen máis ocultas a través do achegamento a testemuños de mulleres que quixeron sacar á luz a súa experiencia. Así, proponse a lectura dun manifesto que avoga pola erradicación das violencias contra as mulleres e recolle extractos destas historias. Pretende ser unha chamada á toda a sociedade, entendendo a violencia como unha problemática social.

O acto incluirá unha dinámica participativa na que todas as persoas asistentes mirarán de fronte ás novas violencias dixitais e deixarán a súa pegada confrontándoas.


Edicións anteriores

Actividades desenvolvidas na edición de 2024.

Actividades desenvolvidas na edición de 2023.

Actividades desenvolvidas na edición de 2022.

Actividades desenvolvidas na edición de 2021.

Actividades desenvolvidas na edición de 2020.