Manifesto da Deputación da Coruña co gallo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres de 2025
Conmemoramos un ano máis o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres nun contexto en que a violencia machista segue a ser unha realidade diaria, insorportábel.
A violencia contra as mulleres continúa sendo estrutural, enraizada nas relacións de poder e na desigualdade. Reafirmamos o noso compromiso político e institucional coa súa erradicación. Poñer fin á violencia machista debe ser un obxectivo irrenunciábel e prioritario de todas as persoas que formamos parte da nosa sociedade.
Preocúpanos especialmente o avance dos discursos negacionistas e das correntes reaccionarias que pretenden disfrazar o machismo como elección ou estilo de vida.
Movementos como o das tradwives ou a estética coquette difunden, sobre todo entre a mocidade, unha perigosa idealización da submisión feminina, da dependencia económica e da volta aos roles de xénero tradicionais. Estes discursos non son inocentes: forman parte dunha estratexia que pretende conseguir un retroceso global que tenta desactivar o feminismo e perpetuar as desigualdades.
A violencia machista adopta hoxe novas formas: non só física, sexual ou económica, senón tamén simbólica e dixital. As redes sociais convértense en espazos onde se estende o acoso, a manipulación e o control sobre as mulleres, especialmente sobre as máis novas, a través da presión estética, o odio e a difusión de contidos que normalizan a desigualdade. Combatela require educación, pensamento crítico e políticas públicas con perspectiva feminista. Todas as persoas temos un papel nesta loita.
Desde a Deputación da Coruña confirmamos a nosa aposta política e institucional na loita contra a violencia machista desenvolvendo accións, formacións e campañas que cheguen a todos os concellos da provincia e polo tanto, a todas e cada unha das persoas que habitan o territorio, poñendo o foco na prevención, na igualdade e na liberdade das mulleres. Reclamamos unha maior coordinación entre administracións e recursos e servizos 100% públicos que garantan atención integral, acompañamento e reparación ás vítimas.
A perspectiva global é imprescindíbel. Nos escenarios de conflito armado, desprazamento forzoso e explotación económica, as mulleres enfróntanse a violacións masivas dos seus dereitos: violencia sexual, escravitude e negación da súa dignidade. Estendemos a nosa loita a todas elas, porque non haberá xustiza plena mentres persista a violencia contra calquera muller.
Este 25 de novembro voltamos erguer a voz, firmes e decididas, contra todas as violencias e contra quen pretende inverter os avances conquistados. O feminismo é a nosa ferramenta de liberdade, igualdade e xustiza. O camiño é irreversíbel: as mulleres exiximos vivir sen medo, libres e respectadas.