Ensaio e divulgación sobre violencias machistas
Invisibles
Montse Fajardo. Edicións do Cumio (2021, publicado inicialmente en 2017)
“Invisibles” é unha recompilación de sete historias reais de mulleres que sufriron violencia machista en diferentes formas: física, verbal e psicolóxica. O libro procura dar visibilidade a estas experiencias, amosando como esta violencia afecta non só ás vítimas directas, senón tamén ás súas contornas familiares, especialmente ás crianzas. A través de relatos coma os de Eva, Mariluz, Tina e outras protagonistas, a obra denuncia o impacto da violencia machista e critica a inacción ou xustificación social que perpetúa esta problemática. Ademais, pon o foco nos agresores, e insta a que a sociedade deixe de culpabilizar ás vítimas.
Mulleres e poder. Un manifesto
Mary Beard. Hércules (2019)
Nesta obra breve pero contundente, Mary Beard analiza a relación histórica entre as mulleres e o poder, explorando como as estruturas patriarcais excluíron ás mulleres das esferas de autoridade dende a antigüidade ata a actualidade. Con exemplos da mitoloxía, a literatura clásica e a política moderna, Beard amosa como os estereotipos e as narrativas culturais silenciaron ás mulleres e deslexitimaron o seu liderado. O libro é un chamamento a considerar que entendemos por “poder” e como podemos reconfigurar o seu exercicio para incluír dun xeito equitativo ás mulleres.
Feminicidio
Carme Adán. Galaxia (2018)
Escrito pola filósofa e política galega Carme Adán, “feminicidio. Unha nova orde patriarcal en temos de submisión” analiza a persistencia do patriarcado en formas renovadas de violencia e dominación cara as mulleres. A autora céntrase no feminicidio como un fenómeno estrutural que transcende os actos de violencia individuais, inseríndoo nun marco político e filosófico. Adán argumenta que o feminicidio é un reflexo das desigualdades sistémicas e que os Estados contribúen a perpetuar esa violencia a través das súas institucións e medidas políticas. A través dunha combinación de filosofía feminista e análise crítica das realidades actuais, abórdase o papel dos valores culturais e sociais na reprodución destas dinámicas opresivas, invitando a un cambio profundo na nosa comprensión e acción fronte á violencia machista.
Os homes explícanme cousas
Rebecca Solnit. Hércules (2019)
Rebecca Solnit en “os homes explícanme cousas” reflexiona sobre o sexismo cotiá e as dinámicas de poder que silencias ás mulleres en distintos ámbitos da vida. A partir de experiencias persoais e análises culturais, a autora examina temas como o mansplaining, a violencia de xénero e a brecha de xénero no ámbito profesional e doméstico. Cun estilo agudo e accesible, Solnit pon de relevo como estas actitudes reflexan e perpetúan estruturas patriarcais máis amplas. A súa obra non só denuncia estas inxustizas, senón que tamén inspira un cambio cara unha sociedade máis igualitaria, alentando ás mulleres a reclamar a súa voz e espazo.
Cómplices. A violencia machista institucional
Iria Vázquez Silva (coordinación). Galaxia (2020)
A través de “Cómplices. A violencia machista institucional” afóndase precisamente sobre como o estado, por medio de diversas institucións, exerce violencia sobre as mulleres. Grazas á coordinación da socióloga Iria Vázquez Silva, e coa colaboración de autoras como Sheila Fernández, Olalla Villaronga, Lola Ferreiro, Ana Martínez González e Fedra Ladrero é posible aproximarse aos mecanismos que provocan e perpetúan o sometemento das mulleres, analizando as institucións xudiciais, os servizos sociais, as institucións sanitarias e as forzas e corpos de seguridade.
A contrapelo ou por que rachar o círculo de depilación, submisión e autoodio
Bel Olid. Embora (2020)
A través deste provocador ensaio, Bel Olid cuestiona as normas sociais que impoñen ás mulleres prácticas como a depilación, explorando como estas esixencias están ligadas a estruturas máis amplas de control e submisión. A través dunha mirada crítica e persoal, Olid analiza como estas imposicións contribúen ao autoodio e reforzan a idea de que o corpo feminino debe ser modificado para cumprir cos estándares sociais e culturais impostos. A autora invita a reflexionar sobre a liberdade individual e colectiva, propoñendo a ruptura con estas dinámicas como un acto de resistencia feminista e autovaloración.
A defunción dos sexos. Disidentes sexuais na Galiza contemporánea
Daniela Fernández Pérez. Xerais (2022)
“A defunción dos sexos. Disidentes sexuais na Galiza contemporánea” é un libro divulgativo que explora as memorias e experiencias de persoas que desafiaron as imposicións normativas da sexualidade en Galicia durante máis de cento cincuenta anos. A través de investigacións históricas, arquivos e relatos periodísticos, o texto examina as traxectorias das protagonistas que foron disidentes sexuais, e que se enfrontaron á opresión, á exclusión social e á marxinación. Así, o ensaio pretende analizar aspectos tales como o transformismo, as formas de resistencia en eventos (tales como o entroido), as complexas relacións entre os colectivos LGTBI e as estruturas políticas. Todo isto conformará unha memoria plural que da voz a quen cuestionou as normas sexuais do seu tempo, establecendo un diálogo entre pasado e presente.
El segundo sexo
Simone de Beauvoir. Cátedra (2017)
Nesta obra fundamental do pensamento feminista, Simone de Beauvoir realiza unha análise profunda da condición da muller ao longo da historia, abordando aspectos filosóficos, biolóxicos, psicolóxicos e sociais. De Beauvoir argumenta que as mulleres foron historicamente definidas como “o outro” en relación ao home, quen é considerado o suxeito universal. A través da súa famosa afirmación “non se nace muller, chégase a selo”, examina como a feminidade é unha construción cultural que limita ás mulleres e as somete a roles subordinados. “El segundo sexo” é unha chamada á igualdade, cuestionando as estruturas patriarcais e ofrecendo unha base teórica para os movementos feministas posteriores.
Anti natura
María Xosé Queizán. Xerais (2008)
“Anti natura”, de María Xosé Queizán, é un ensaio que explora de maneira crítica as bases filosóficas e culturais que sostiveron o patriarcado ao longo da historia. A autora analiza as teorías de pensadores dende Aristóteles ata Freud, desmontando as trampas e xustificacións que lexitimaron a opresión das mulleres. Apoiándose nos valores de igualdade e xustiza, Queizán destaca como o coñecemento pode transformar perspectivas, erradicar a opresión e rescatar ás mulleres da invisibilidade histórica. Sen embargo, subliña que os cambios sociais non son inmediatos nin gratuítos, enfrontándose a resistencias políticas, económicas e sociais que perpetúan as desigualdades.
O libro tamén reivindica o feminismo coma unha ferramenta para desafiar estruturas profundamente arraigadas, ofrecendo un camiño cara unha maior presenza das mulleres na esfera pública e na construción do pensamento crítico.
La mística de la feminidad
Betty Friedan. Cátedra (2016)
Neste libro esencial do feminismo moderno, Betty Friedan analiza o malestar silencioso de moitas mulleres estadounidenses de mediados do Século XX, atrapadas en roles tradicionais de “amas de casa” e nais. Friedan denuncia o que chama “a mística da feminidade”, unha ideoloxía que idealiza a realización das mulleres a través do matrimonio, a maternidade e o fogar, ignorando os seus desexos e ambicións individuais. Baseándose en investigacións e entrevistas, a autora amosa como esta construción social limita ás mulleres e prívaas dunha vida plena. A obra converteuse nun manifesto para a segunda onda do feminismo e segue a ser un chamado inspirador a cuestionar as normas de xénero e procurar a igualdade.
As benfaladas
María Xosé Porteiro. Galaxia (2024)
“As Benfaladas”, de María Xosé Porteiro, é unha obra feminista que reflexiona sobre como as mulleres foron historicamente silenciadas e marxinadas na esfera pública e cultural. O libro aborda a necesidade de garantir que as voces e pensamentos das mulleres penetren plenamente na sociedade como unha medida crucial para combater a violencia simbólica e avanzar cara a igualdade. Cun enfoque crítico e propositivo, a autora invita a repensar as estruturas sociais que perpetúan estas desigualdades, plantexando estratexias para fomentar un cambio equitativo e civilizador.
No publiques mi nombre. Testimonios contra la violencia sexual
Cristina Fallarás e Nerea Barjola. Siglo XXI (2024)
“No publiques mi nombre. Testimonios contra la violencia sexual” é una obra recompilada por Cristina Fallarás que reúne relatos anónimos de mulleres que sufriron violencia sexual. O libro enmárcase dentro de movementos como #Cuéntalo e #SeAcabó, onde as mulleres narran as súas experiencias, creando un espazo seguro para que as vítimas poidan narrar as súas historias sen temor.
Así, o libro non só visibiliza as vivencias individuais, senón que tamén identifica patróns de violencia. Inclúe, ademais, un estudo da politóloga Nerea Barjola, quen analiza o impacto social e político destas testemuñas para romper o silencio e a vergoña asociada á violencia sexual, subliñando o seu papel na resistencia colectiva contra o patriarcado.
Hackeamos o patriarcado. Unha análise do machismo dixital
Soledad Torres Guijarro (coordinación). Galaxia (2024)
“Hackeamos o patriarcado. Unha análise do machismo dixital” examina como se manifestan e perpetúan as desigualdades de xénero no entorno dixital, propoñendo estratexias para enfrontalas. A obra, coordinada pola investigadora Soledad Torres Guijarro, reúne diversos estudos que abordan dende o sexismo en asistentes virtuais ata a proliferación de violencias machistas en redes sociais. Ademais, resáltase a necesidade de impulsar as disciplinas STEM en mulleres mozas, e que os roles de xénero non as obriguen a abandonar as súas traxectorias profesionais. Co fin de aportar unha visión pragmática sobre dita problemática, expóñense tamén os resultados de investigacións levadas a cabo na Universidade de Vigo, onde son analizados ditos problemas, e se propoñen tamén solucións para aumentar a seguridade e para o crecemento de todas.
¿Acaso no soy yo una mujer?
Bell Hooks. Consonni (2020)
Neste influínte libro, Bell Hooks examina a intersección do racismo e o sexismo na vida das mulleres afroamericanas, ofrecendo unha análise crítica de como estas múltiples opresións moldearon as súas experiencias. A partir dunha perspectiva feminista e interseccional, Hooks aborda temas como a escravitude, a deshumanización, os roles dos medios de comunicación e do sistema educativo, a exclusión por parte do feminismo branco e a invisibilización das mulleres negras nos movementos de liberación. Cunha escritura apaixonada e reflexiva, a autora desafía as narrativas dominantes e reivindica o papel das mulleres negras como axentes fundamentais do cambio. Esta obra trátase, pois, dunha contribución clave ao feminismo, a teoría crítica e os estudos sobre raza, capitalismo e xénero.
Comezar desde cero
Tania Merelas. Embora (2019)
“Comezar desde cero” aborda as violencias machistas coma un eixo estrutural das sociedades patriarcais. Dende unha perspectiva teórica e analítica, o libro combina elementos de ensaio e informe de investigación para explorar a humillación, o medo e a subordinación que perpetúan a desigualdade de xénero. A través dun enfoque coral, da voz a mulleres que enfrontaron estas violencias, resaltando a súa fortaleza e capacidade de superar experiencias traumáticas. A obra redefine ás sobreviventes como axentes de resistencia, e coloca ao agresor como “fracasado” no seu intento de dominación física e emocional.
Microfísica sexista del poder
Nerea Barjola. Virus (2018)
En “Microfísica sexista do poder” Nerea Barjola analiza como os discursos mediáticos e sociais en torno ao caso Alcàsser (o brutal asasinato de tres mozas adolescentes en España no 1992) construíron un relato que perpetúa o control sobre as mulleres. Barjola aplica a teoría feminista e o concepto de “microfísica do poder” do teórico Michel Foucault para explicar como as narrativas dominantes transformaron este crime nun mecanismo de disciplinamento do corpo e a liberdade femininos. A través deste libro, a autora amosa como o medo e a violencia simbólica operan nas estruturas patriarcais e limitan a autonomía das mulleres, facendo da obra unha análise sobre xénero, violencia e control social.
Os corpos inscritos e os textos escritos
Rebeca Baceiredo. Xerais (2023)
“Os corpos inscritos e os textos escritos” de Rebeca Baceiredo é un libro que combina análise filosófica e creación literaria para explorar as relacións entre xénero, moda e literatura. O texto céntrase en como as construcións de xénero foron empregadas historicamente para subordinar ás mulleres, posicionándoas como “o outro” fronte a unha masculinidade hexemónica que reclama a racionalidade e o control do discurso. Mediante relatos literarios e un enfoque interdisciplinar, a autora analiza as dinámicas de poder que atravesan os corpos e os textos, propoñendo unha deconstrución do xénero vinculada á emancipación cultural. O ensaio destaca polo estilo innovador ao entrelazar narrativa e teoría crítica para cuestionar os sistemas de opresión cultural e social.
La guerra contra las mujeres
Rita Laura Segato. Traficantes de sueños (2016)
Neste ensaio, a antropóloga Rita Segato explora as raíces profundas da violencia contra as mulleres nas estruturas sociais, culturais e económicas contemporáneas. A través dun enfoque multidisciplinar, Segato argumenta que a violencia machista non é un fenómeno illado, senón un mecanismo sistemático de control que reforza a orde patriarcal e a desigualdade. A raíz dos asasinatos multitudinarios de mulleres en Ciudad Juárez, Segato analiza temas como os feminicidios, a trata de persoas e a normalización da violencia, amosando como estes actos son expresións dun poder colonialista e capitalista que perpetúa a subordinación das mulleres. A súa obra é un chamamento a desmantelar estas dinámicas de poder e a construír un mundo máis xusto e igualitario.
As múltiples cores da vida. Corpos, identidades e orientacións sexuais
María Victoria Carrera Fernández e Nazaret Blanco Pardo (coordinación). Galaxia (2023)
Obra colectiva que reúne ensaios e estudos que reflexionan sobre temáticas relacionadas coas identidades LGTBIQ+, a orientación sexual e a construción do xénero na sociedade contemporánea. Así, a obra explora a realidade do colectivo LGTBIQ+, destacando temas como a discriminación, a violencia, os retos para a integración social e os dereitos civís. Ademais, abórdase a influencia dos marcos históricos, culturais e políticos nestas cuestións. A través dos seus capítulos, o texto non só analiza estes desafíos, senón que tamén propón estratexias para construír unha sociedade máis igualitaria e inclusiva.
Las rapadas. Memoria de la represión franquista contra las mujeres.
Varias autoras. Vizca (2024)
Trátase dun conxunto de textos froito da investigación elaborada para a colección “Hacer memoria”, promovida por persoal investigador do CSIC. Deste xeito, a través desta obra preténdese visibilizar a violencia contra as mulleres que exerceu o réxime franquista cara todas aquelas mulleres consideradas “non adeptas”, e ás cales lles foi aplicado un sistema de adestramento para encaixar nun código de conduta “saudable” para elas. Entre as numerosas estratexias represivas descritas, o rapado de cabelo xunto coa inxesta de laxante no espazo público destacaban por ser aquelas de carácter máis espectacular, procurando tanto humillar á persoa como exercer un castigo exemplarizante para quen a presenciaba. Lamentablemente, e a pesar deste ensaio, a represión contra as mulleres por parte do franquismo non está suficientemente documentada a día de hoxe, polo que este pode servir como punto de partida para lexitimar a necesidade de facer memoria, e de valorizar a relevancia das testemuñas orais.
Tiven a chave, a bicicleta e os catro libros
Xoana Pintos. Galaxia (2021)
“Tiven a chave, a bicicleta e os catro libros” aborda a loita das primeiras mulleres científicas para acceder, permanecer e promocionar profesionalmente na institución universitaria. A través deste libro, analízanse os obstáculos, prexuízos e resistencias aos que estas pioneiras se enfrontaron, desafiando tanto as convencións sociais como as argumentacións “científicas” que xustificaban a súa exclusión. Ademais de reflexionar sobre as dificultades que marcaron este proceso, a obra celebra os logros acadados, poñendo en valor o impacto destas mulleres na igualdade de xénero e o acceso ao coñecemento.
Brujas, caza de brujas y mujeres
Silvia Federici. Traficantes de sueños (2021).
A través de “brujas, caza de brujas y mujeres”, Silvia Federici explora a caza de bruxas en Europa e América durante os Séculos XVI e XVII como un fenómeno clave na consolidación do capitalismo e o patriarcado. Federici argumenta que estas persecucións non só procuraban erradicar prácticas consideradas “heréticas”, senón que tamén serviron para disciplinar ás mulleres, despoxándoas de autonomía económica, política e corporal. Cun enfoque feminista e materialista, a autora analiza como a violencia exercida contra as mulleres neste período histórico sentou as bases da súa subordinación nas sociedades modernas. Este texto é unha chamada a revalorizar o papel das mulleres perseguidas e a comprender o impacto destes eventos nas loitas feministas contemporáneas.
O meu pecado mortal. O voto feminino e mais eu
Clara Campoamor. Galaxia (2019)
Nesta obra, Clara Campoamor narra a súa loita polo recoñecemento do dereito ao voto das mulleres en España, durante o período da Segunda República. A través dunha combinacións de reflexións persoais e análise política, Campoamor expón os desafíos que enfrontou, incluíndo a oposición de compañeiros políticos, moitas veces provintes do seu propio partido. A autora denuncia as resistencias sociais e políticas que subestiman a capacidade das mulleres para participar na vida pública. Ademais, reflexiona sobre o custo persoal que tivo o seu activismo, que ela chama “o seu pecado mortal”. O libro é unha testemuña poderosa do compromiso de Clara Campoamor coa igualdade e unha crítica aguda ás estruturas patriarcais do seu tempo.
Cuando las mujeres hayan desaparecido
Bénédicte Manier. Cátedra (2007)
“Cuando las mujeres hayan desaparecido” examina as consecuencias devastadoras do desequilibrio demográfico causado pola preferencia polos fillos varóns en países como India ou China. A través dunha análise exhaustiva, a autora revela como prácticas coma o aborto selectivo ou o infanticidio feminino levaron á desaparición de millóns de mulleres, creando sociedades profundamente desiguais. Manier explora os efectos desta “guerra silenciosa” contra as mulleres, dende o aumento da violencia cara este xénero ata as implicacións sociais e económicas de vivir en comunidades cunha grave falta de mulleres. A súa obra é unha chamada urxente a recoñecer e combater esta crise global.
Movendo os marcos do patriarcado. O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán
Marilar Aleixandre e María López Sández. Galaxia (2020)
A través de “movendo os marcos do patriarcado”, Marilar Aleixandre e María López Sández exploran as contribucións feministas de Emilia Pardo Bazán. O libro analiza a súa influencia na loita pola igualdade de xénero e examina como as súas ideas avanzaron en cuestionar os mecanismos patriarcais do seu tempo. Ademais, vindica o seu papel como unha figura clave dentro do feminismo moderno, destacando a súa defensa do dereito das mulleres a elixir os seus propios camiños, o dereito ao pracer e a liberdade para expresarse a través da escritura.
Lunática
Andrea Momoitio. Libros del KO (2022)
A través de “Lunática”, Andrea Momoitio (periodista e cofundadora de “Pikara Magazine”) narra a historia de María Isabel Gutiérrez Velasco, unha muller cuxo corpo aparece calcinado nunha prisión de Basauri (Euskadi). Debido á falta de credibilidade da “versión oficial” por parte das súas compañeiras, declaran unha folga de prostitutas en Bilbao. A reivindicación transcendeu a outros colectivos políticos, que esixían a derrogación de leis franquistas que afectaban especialmente á “chusma”.
En “lunática” asistimos a un tenro pero desgarrador retrato das mulleres das marxes na sociedade, así como unha denuncia aos sistemas de opresión.
Son unha nena. Sufrirei discriminacións e violencia sexual?
Yolanda Rodríguez Castro e María Lameiras Fernández (coordinación). Galaxia (2023)
Este libro ten como pretensión analizar os factores que perpetúan as discriminacións e a violencia sexual en nenas, reflexionando dende unha perspectiva crítica acerca da opresión sistémica que afecta ás mulleres dende idade temperá. A través dunha exploración de testemuñas. Estudos e contexto histórico-social, as autoras elaboran unha profunda análise das estruturas patriarcais. Ademais, este ensaio tamén ten un obxectivo pedagóxico: axudar a comprender estas situacións dende un enfoque integral e empoderador, reflexionando sobre os mecanismos para a prevención e a abordaxe destas problemáticas.
¿Y qué hacemos con los violadores?
Varias Autoras. Descontrol (2020)
Esta compilación de textos é unha ferramenta de grande validez reflexiva, pero tamén práctica, que serve como guía para comezar a cuestionarnos, precisamente, que podemos facer cos violadores. Deste xeito, non se amosa unha única vía, senón que se sinalan as posibilidades e opcións para atallar esta problemática social. Preténdese, pois, abrir un camiño para o diálogo, no cal poden desbotarse ou collerse plantexamentos, pero sempre tendo en conta que as experiencias narradas son tamén acumulación de saberes.
Eles libres e iguais, elas obedientes pola graza de deus
Isabel Rodríguez Mate. Laiovento (2023)
“Eles libres e iguais, elas obedientes pola graza de Deus” explora a influencia dos valores morais da Igrexa católica na discriminación sistemática cara as mulleres no contexto da construción do sistema liberal en España e en Galicia, entre os anos 1812 e 1936. A obra examina como estes valores perpetuaron un escenario de exclusión para as mulleres, limitando os seus dereitos e participación social en comparación cos homes, a pesar dos principios de igualdade proclamados na Constitución de 1812. Así, a autora reflexiona sobre como a idea de liberdade e igualdade non incluíu ás mulleres como suxeitos de pleno dereito ata o ano 1931, o que supuxo un escenario de loita social con importantes implicacións no proceso de construción da sociedade liberal española.
Hijas del miedo y otros relatos de violencia de género
Asociación Mujeres Juezas de España. Península (2024)
Trátase dun libro escrito por mulleres xuíces que recompilan información sobre mulleres vítimas de violencia de xénero. Ao longo dos relatos expostos, as protagonistas describen as agresións polas que pasaron e as emocións que iso lle carrexa, mais tamén desconfianza ante unha posible desprotección cara elas. Ademais das propias vivencias, as xuíces denuncian a violencia contra as mulleres, así como se esixen medidas para a súa erradicación e unha transformación tanto da sociedade como do sistema xudicial.
Papá, por que non pintas as unllas de cores? Educando (construíndo) masculinidades disidentes
Jorge García Marín. Editorial Galaxia (2019)
Non se nace home ou muller. Apréndese a ser home ou muller. No caso concreto dos homes, aprendemos a ser, ademais, machos, a desenvolver unha serie de roles e de comportamentos que, a estas alturas do século XXI, convén revisar en detalle. Neste libro, Jorge Marín reflexiona sobre a necesidade de deconstruír esa educación que nos fai homes desde unha nova perspectiva, feminista e integradora. Desde a educación formal, os videoxogos, a literatura, os medios de comunicación. Desde mil ámbitos se nos constrúe como homes tradicionais dunha sociedade que debe deixar de ser tradicional.
Íbamos a ser reinas
Nuria Varela. Ediciones B (2017)
Percorrido polas causas da violencia machista; como a soportan as propias mulleres e que mecanismos sociais, educativos, legais e relixiosos actúan como cómplices eficaces que impiden acabar con este problema. Contén ademais testemuños de mulleres que sufriron esta experiencia. Un clásico sobre a violencia de xénero actualizado nunha edición revisada e actualizada que inclúe ademais un novo capítulo sobre violencia contra adolescentes e menores de idade.
El amor en la sociedad del riesgo. Una tentativa educativa
Jesús Gómez Alonso. El Roure (2004)
Quen atrae as adolescentes e por que? Como inflúe a atracción nas súas vidas, nas súas ilusións, alegrías, penas, decepcións, mesmo nos malos tratos e as enfermidades? Como conseguir que non lles atraian quen despreza ou maltratan? Este estudo científico do amor amosa un mundo moitas veces ignorado polas adultas pero intensamente vivido polas nosas e os nosos adolescentes, constituíndo unha das principais e máis deconocidas chaves das súas vidas, Xunto ás principais teorías sociais sobre o amor, aparecen as voces de mozas que falan como nunca o farían diante dos seus pais, nais ou profesorado.