Guías, manuais e procedementos que abordan as violencias machistas
A presente recompilación ofrece unha selección de guías, manuais e procedementos que abordan as violencias machistas dende unha perspectiva integral e especializada. Estes recursos están deseñados para comprender, previr e afrontar as diversas violencias existentes, tanto en xeral, como en ámbitos específicos onde estas dinámicas de opresión poidan manifestarse.
A listaxe inclúe documentos onde se abordan tódalas violencias machistas, mais tamén outros especificamente dedicados a contextos clave, coma o ámbito educativo e académico, cultural e deportivo, sanitario, da comunicación, económico, patrimonial e financeiro, así como tecnolóxico. Así mesmo, ponse unha énfase particular nos desafíos enfrontados por colectivos especialmente vulnerables, como as mulleres con discapacidade, as mulleres migrantes e aquelas de idade avanzada.
Agardamos, pois, que esta selección de documentos sexa de utilidade e contribúa á sensibilización, detección e actuación fronte ás violencias machistas.
Ámbito xeral
Manual básico para afrontar as violencias machistas. Recoñecer, actuar e restaurar
Consello da Cultura Galega, 2024
Trátase dun sinxelo manual elaborado polo Consello da Cultura Galega, que define, en primeiro lugar a violencia machista, para posteriormente sinalar as diferentes violencias existentes. Unha vez que a problemática das violencias machistas está brevemente definido, o manual inclúe unhas orientacións de actuación, diferenciando entre as directrices a seguir se a persoa está sendo vítima de violencia de xénero, ou, en cambio, é vítima de violencia sexual. Finalmente, proporciónase unha compilación de recursos e servizos moi valiosos e que están á disposición das mulleres vítimas de violencia machista.
Clic aquí para acceder ao manual ou nesta copia (PDF) se non está dispoñible.
Protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGBTIfóbicas nos espazos de lecer nocturno
Xunta de Galicia, 2024
Dirixido ás persoas que interveñen na organización e no desenvolvemento de actividades de lecer nocturno, este protocolo pretende ofrecer unha eficaz detección e intervención sobre as violencias sexuais e LGBTIfóbicas neste tipo de espazos. Ademais, e a diferenza doutros documentos, fai énfase nas medidas de prevención para non propiciar, xa de partida, este tipo de violencias.
Clic aquí para acceder á guía (PDF) ou nesta copia se non está dispoñible.
Guía básica de recursos fronte a violencia de xénero
Ecos do Sur, 2021
Este arquivo, elaborado por Ecos do Sur, é unha ferramenta sinxela e informativa que reúne recursos e servizos dispoñibles en Galicia para previr e combater a violencia machista. A guía ofrece información sobre tipos de violencia, dereitos das vítimas, recursos dispoñibles, protocolos de actuación e entidades implicadas. O obxectivo principal é facilitar o acceso a recursos de apoio e promover a sensibilización fronte a violencia de xénero.
Clic aquí para acceder á guía (PDF) ou nesta copia se non está dispoñible.
Guía Punto Violeta de actuación fronte a violencia machista
Ministerio de Igualdade, 2024
Documento que proporciona orientacións para a creación e xestión de Puntos Violeta (que son espazos destinados a previr, detectar e actuar fronte a situacións de violencia machista en eventos, sexan estes públicos ou privados). A guía inclúe definicións clave, protocolos de actuación no caso de detectar incidentes, estratexias para garantir un entorno seguro e recomendacións para formar ao persoal responsable. A guía está dispoñible en diferentes idiomas, así como en formato de lectura fácil e de carácter máis visual (adhesivos ou carteis).
Clic aquí para consultar a guía (PDF) ou nesta copia se non está dispoñible.
Guías de actuación fronte ás violencias machistas do Pacto Social
Concello da Coruña, 2021
As guías de actuación fronte ás violencias machistas do Pacto Social son documentos de carácter práctico elaborados polo Concello da Coruña e dirixidos a diferentes axentes sociais (tecido asociativo, medios de comunicación, hostalería e lecer nocturno). Ofrecen información para a detección das situacións de violencia machista, así como uns breves protocolos de actuación segundo cada caso. Dispoñen, ademais, dos servizos e recursos públicos dispoñibles para actuar fronte ás violencias machistas.
Guía de recursos fronte á violencia de xénero en Galicia
Xunta de Galicia, 2020
Trátase dun documento dirixido a profesionais que orienta sobre o tipo de recursos dispoñibles para mulleres que sofren violencia de xénero, as súas crianzas e outras persoas do contorno familiar. Sen dubida, trátase dunha guía moi especializada segundo o tipo de recursos que se precisen: información e atención integral, atención psicolóxica, apoio social, recursos e aloxamento, axudas económicas, inserción laboral, protección e seguridade, ámbito xudicial ou recursos para vítimas de trata son os contemplados. Ademais, condensa numerosos protocolos de actuación segundo o tipo de violencia ou condición da persoa que sofre violencia.
Clic aquí para acceder á guía (PDF) ou nesta copia se non está dispoñible.
Guía resumo para a difusión do protocolo de coordinación e cooperación institucional fronte á violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia
Observatorio Galego da Violencia de Xénero, 2018
O obxectivo deste documento é mellorar a resposta institucional ante a violencia de xénero, promovendo unha colaboración eficaz entre entidades públicas. Destácase a importancia de promover unha atención integral ás vítimas, garantindo servizos especializados, confidencialidade e empoderamento. Tamén salienta a necesidade de establecer estratexias de prevención e trazar unha comunicación fluída entre as diferentes institucións involucradas. Ademais, contén unha serie de fluxogramas de actuación que amosan de maneira moi visual as posibilidades de actuación segundo diferentes áreas implicadas.
Clic aquí para acceder á guía (PDF) ou nesta copia se non está dispoñible.
Guía de recursos e servizos en materia de igualdade e violencia de xénero
Esta guía de recursos e servizos é unha iniciativa da Deputación da Coruña xurdida no marco de COMPARTIMOS PLAN, proxecto de Diagnose e Plan de Acción das políticas de igualdade de xénero na provincia da Coruña, coa que se busca facilitar o coñecemento e visibilizar os servizos e os recursos dispoñibles en materia de igualdade e violencia de xénero dirixidos á poboación, e en especial ás mulleres.
Clic aquí para consultar a guía (PDF) ou nesta copia se non está dispoñible.
Ámbito educativo e académico
Guía de actuación ante casos de violencia de xénero no ámbito educativo
Xunta de Galicia, 2020
Este documento é unha guía para abordar a violencia machistas nas aulas. Proporciona estratexias para a sensibilización, detección e prevención no entorno escolar, promovendo a igualdade de xénero. Inclúe pautas para identificar situacións de risco, propostas pedagóxicas e recursos prácticos para adolescentes. Tamén fomenta a implicación de toda a comunidade educativa para crear espazos seguros e igualitarios.
Clic aquí para acceder á guía (PDF) ou nesta copia se non está dispoñible.
Guía didáctica de apoio ao profesorado de secundaria: “Suprime o control“
Deputación da Coruña, 2019
Estas guías formaron parte do programa socio-educativo de prevención da violencia de xénero entre a poboación adolescente organizado pola Deputación da Coruña. As guías recollen os diferentes enfoques de traballo, actividades e dinámicas empregadas durante o desenvolvemento do programa. Tamén ofrecen diferentes alternativas de traballo para traballar na aula a prevención da violencia de xénero.
Guía coeducativa para os centros escolares de Galicia
Xunta de Galicia, 2021
Este documento pretende promover a coeducación nas aulas para previr a desigualdade de xénero. Ofrece ferramentas para detectar o sexismo na aula e para fomentar a igualdade e o respecto entre as crianzas. Ademais, conta con estratexias para integrar a perspectiva de xénero no currículo, incluíndo pautas específicas para facilitar a súa introdución. O obxectivo principal desta guía é educar de xeito efectivo en valores igualitarios, e actuar dende idades ben temperás.
Clic aquí para acceder á guía (PDF) ou nesta copia se non está dispoñible.
Repensándo(nos) en masculino plural: Guía introductoria para trabajar las masculinidades igualitarias en el aula
Generalitat Valenciana, 2020
A seguinte guía, elaborada pola Generalitat Valenciana, aborda a detección das masculinidades hexemónicas no contexto educativo, promovendo reflexións e actitudes que fomenten a igualdade de xénero a través das masculinidades igualitarias. Está dirixida principalmente a alumnado de Educación Secundaria e post-obrigatoria, co obxectivo de concienciar sobre a importancia da coeducación, cuestionar roles tradicionais e avanzar cara relacións baseadas no respecto e na non violencia. Ademais, ofrece ferramentas didácticas para actuar sobre comportamentos, actitudes e crenzas específicos, procurando a súa transformación e destacando a importancia da implicación activa do profesorado na loita pola igualdade.
Clic aquí para acceder á guía (PDF) ou nesta copia se non está dispoñible.
Protocolos das universidades públicas galegas fronte ás violencias sexuais e o acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade ou expresión de xénero
Sistema Universitario Galego
As universidades galegas elaboraron nos últimos anos uns documentos para proceder á sensibilización sobre a diversidade de tipoloxías de violencias machistas que poden existir nas aulas, pero tamén para proceder a unha detección e actuación efectiva sobre estas. Trátanse, pois, de protocolos que permiten estandarizar os procedementos a levar a cabo no caso de detectar violencia sexual ou acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade ou expresión de xénero dentro do sistema universitario. Ademais, no caso da Universidade de Santiago de Compostela, ademais de dito protocolo, existe unha versión simplificada para a difusión e sensibilización de toda a comunidade universitaria acerca de estas violencias.
Clic aquí para acceder ao protocolo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) ou nesta copia se non está dispoñible.
Clic aquí para acceder ao protocolo da Universidade da Coruña (UDC) ou nesta copia se non está dispoñible.
Clic aquí para acceder ao protocolo da Universidade de Vigo (UVIGO) ou nesta copia se non está dispoñible.
Guía de Recursos para #Mujeres Tecnológicas
Federación de Mujeres Jóvenes, 2022
A guía de recursos para mulleres tecnolóxicas ofrece ferramentas e recursos para empoderar ás mulleres mozas nas áreas STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Artes e Matemáticas). O seu obxectivo é reducir a brecha dixital de xénero así como promover as traxectorias femininas nestas disciplinas, promovendo a igualdade de acceso, permanencia e previsión de consolidación nas traxectorias científicas. Inclúe información sobre organizacións, recursos educativos e proxectos que fomentan a inclusión de mulleres no ámbito dixital, facilitando a súa formación, empregabilidade e visibilidade nestes sectores.
Clic aquí para acceder á guía (PDF) ou nesta copia se non está dispoñible.
Guía de prevención e actuación contra as violencias machistas nas asociacións de estudantes
Universidade da Coruña, 2020
Esta guía proporciona ferramentas e prácticas para reflexionar sobre a estrutura, as relacións e dínamicas dentro deste tipo de grupos, co obxectivo de promover a igualdade e erradicar as actitudes e actos machistas. Inclúe un “laboratorio de accións feministas” para cuestionar e transformar as formas nas que os grupos se organizan, fomentando a detección de desigualdades, e ofrecendo métodos para crear espazos máis inclusivos.
Clic aquí para acceder á guía (PDF) ou nesta copia se non está dispoñible.
Guía educativa: Rompiendo mitos sobre el amor romántico
Fundación Mujeres, 2021
A través desta guía preténdese proporcionar ferramentas para desmantelar crenzas e estereotipos sobre o amor que perpetúan relacións desiguais e condutas tóxicas, desactivando a aprendizaxe sexista en tódolos seus graos. Abórdanse mitos como a idea de que “o amor pode con todo”, ou que o amor verdadeiro implica sacrificio total, e promove un enfoque de amor igualitario, baseado no respecto e na non violencia. Para o profesorado, o documento permite avanzar tanto na prevención como no coñecemento de indicadores para a detección das primeiras fases da violencia de xénero.
Clic aquí para acceder á guía (PDF) ou nesta copia se non está dispoñible.
Guía para profesionales ante chicas adolescentes que sufren violencia de género: saber mirar, saber acoger, saber acompañar
Junta de Andalucía, 2018
Esta guía está dirixida a profesionais que traballan con adolescentes e que poidan ser susceptibles de sufrir violencia de xénero. Proporciónanse ferramentas para detectar e abordar esta problemática de xeito eficaz, destacando a importancia de saber “mirar, acoller e acompañar”. Ademais, analiza as características das mulleres mozas que inflúen nas relacións de violencia de xénero, e como as crenzas sexistas inflúen nas relacións abusivas. Tamén aborda a detección temperá e ofrece estratexias para a derivación a servizos especializados. O seu obxectivo é mellorar a intervención profesional e promover a protección integral das vítimas.
Clic aquí para acceder á guía (PDF) ou nesta copia se non está dispoñible.
Ámbito cultural e deportivo
La violencia sexual en el deporte. Guía para personas adultas. (Re)conocer, hablar y actuar
Generalitat de Catalunya, 2020
Este documento proporciona directrices para previr, identificar e actuar ante casos de acoso e agresión sexual. Enfócase en crear contornas seguras e respectuosas, ofrecendo ferramentas a profesionais e entidades deportivas para promover a igualdade de xénero e a protección das persoas involucradas. Ademais, inclúe procedementos de intervención e apoio ás vítimas, con énfase en sensibilizar a persoas adestradoras, autoridades deportivas e participantes.
Clic aquí para acceder á guía (PDF) ou nesta copia se non está dispoñible.
Combatiendo la violencia contra las mujeres y las niñas en el deporte
UNESCO, 2024
Este manual, dirixido a persoas que formulan políticas deportivas e profesionais do deporte, aborda a violencia machista no ámbito deportivo, destacando a súa prevalencia e riscos específicos que enfrontan mulleres e nenas. Deste xeito, ofrece unha análise do ecosistema deportivo, e relata testimonios de persoas que sobreviviron á violencia machista, así como estudos de caso. Ademais, propón estratexias e políticas para previr a violencia, protexer ás vítimas e garantir a rendición de contas no ámbito do deporte.
Clic aquí para acceder á guía (PDF) ou nesta copia se non está dispoñible.
Hacia un espacio cultural libre de agresiones machistas contra las mujeres. Guía para la reflexión y actuación
Instituto vasco de la mujer, 2022
A guía “hacia un espacio cultural libre de agresiones machistas contra las mujeres” propón medidas para previr, detectar e responder á violencia machista en eventos culturais. Aborda a importancia de construír espazos seguros mediante protocolos, prevención e atención axeitada. Ademais, destaca a necesidade de formación e a creación de códigos de comportamento que fomenten a igualdade e eliminen os estereotipos sexistas. O obxectivo é garantir que as mulleres poidan gozar de actividades culturais en condicións de igualdade.
Clic aquí para acceder á guía (PDF) ou nesta copia se non está dispoñible.
Orientaciones para incorporar la perspectiva de género en la industria musical
Oficina de la Música de Euskal Herria – Musika Bulegoa, 2024
A través deste documento ofrécense orientacións para incorporar a perspectiva de xénero na industria musical facendo énfase en tres aspectos diferentes: a linguaxe non sexista e inclusiva, a incorporación da perspectiva de xénero e a prevención e atención do acoso sexual e por razón de sexo. Trátase pois, dunha tripla guía que pretende, por unha banda, servir como un texto de sensibilización e identificación de diferentes violencias machistas, e, pola outra, establecer unhas pautas e recomendacións xerais para garantir unha industria musical máis igualitaria. Cada un dos apartados contén bibliografía e recursos para profundar na temática.
Clic aquí para acceder á guía ou nesta copia se non está dispoñible.
Guía para el trabajo con escenas íntimas en la ficción audiovisual
Asociación Española de Profesionales de la Coordinación de Intimidad, 2024
Esta guía, elaborada pola Asociación Española de Profesionais de la Coordinación de la Intimidad, proporciona directrices sobre como manexar escenas íntimas en producións audiovisuais, poñendo o foco sobre o consentimento e a seguridade das persoas intérpretes. Defínense conceptos clave como “consentimento libre”, “consentimento informado” e “consentimento reversible”, e a importancia de contar con persoal coordinador de intimidade para garantir un entorno seguro durante a rodaxe. Tamén establece recomendacións para a pre-produción, a rodaxe e post-produción, asegurando que as escenas íntimas se manexen con profesionalismo e respecto.
Clic aquí para acceder á guía (PDF) ou nesta copia se non está dispoñible.
Guía de respuesta urgente ante casos de violencia sexual
Asociación de Cineastas y Medios Audiovisuales, 2024
A guía de CIMA (Asociación de Cineastas e Medios Audiovisuais) ofrece recursos e orientacións para responder casos de violencia sexual dentro da industria audiovisual. Proporciona información clave sobre que constitúe a violencia sexual, como identificala, as consecuencias para as vítimas e os seus dereitos. Ademais, presenta unha recompilación de recursos públicos e privados por comunidades autónomas para acompañar ás vítimas, promovendo a toma de conciencia e garantindo espazos de traballo seguros.
Clic aquí para acceder á guía (PDF) ou nesta copia se non está dispoñible.
Ámbito sanitario
Procedemento de atención a persoas vítimas de violencia sexual
SERGAS, 2022
Documento dirixido a especialistas do Servizo Galego de Saúde que tenta estandarizar a atención que debe recibir unha persoa vítima de violencia sexual, mellorando así a súa asistencia sanitaria e respectando a súa intimidade. O procedemento incorpora unhas breves definicións sobre a violencia sexual, seguido dos pasos a seguir, así como o tratamento dos rexistros e mostras solicitadas ás mulleres vítimas de violencia sexual.
Clic aquí para acceder á guía (PDF) ou nesta copia se non está dispoñible.
Procedemento e actuación do servizo galego de saúde ante casos de sospeita de submisión química
SERGAS, 2022
Dirixido tamén ao persoal do Servizo Galego de Saúde, este documento pretende rachar coa dificultade na detección da submisión química, axudando na definición, nos indicadores de sospeita e na actuación clínica, onde se concreta o procedemento de rexistros e mostras a solicitar.
Clic aquí para acceder á guía (PDF) ou nesta copia se non está dispoñible.
Guía de Pautas Básicas Comúns do Sistema Nacional de Saúde para a actuación sanitaria ante a violencia sexual
Esta guía formou parte do programa socio-educativo de prevención da violencia de xénero entre a poboación adolescente organizado pola Deputación da Coruña. A guía recolle os diferentes enfoques de traballo, actividades e dinámicas empregadas durante o desenvolvemento do programa. Tamén ofrece diferentes alternativas de traballo para traballar na aula a prevención da violencia de xénero.
Clic aquí para acceder á guía (PDF) ou nesta copia se non está dispoñible.
Manual de atención psicológica a víctimas de maltrato machista
Colegio Oficial de la Psicología de Gipuzkoa, 2016
O manual aborda a atencións psicolóxica a vítimas de violencia machista, ofrecendo ferramentas para profesionais en intervencións terapéuticas integrais con perspectiva de xénero. Describe os tipos e dinámicas da violencia, obxectivos terapéuticos a seguir, enfoques baseados en empoderamento e atención das crianzas. Inclúe ademais instrumentos de avaliación e pautas de boas prácticas. O obxectivo é sistematizar a valoración dos efectos da violencia e promover actuacións eficaces e éticas.
Clic aquí para acceder á guía (PDF) ou nesta copia se non está dispoñible.
Ámbito da comunicación
Guía de linguaxe non sexista
Esta é unha guía da Deputación da Coruña con recomendacións lingüísticas para eliminar o sexismo da expresión escrita. A guía recorda que a linguaxe é unha construción social, e que tanto a linguaxe coma as formas de comunicación dan forma aos nosos discursos e reproducen as desigualdades existentes. Está dirixida ao persoal da propia deputación e dos concellos.
Clic aquí para acceder á guía.
Guía para el tratamiento informativo de la violencia de género
Consejo Audiovisual de Andalucía, 2016
Esta guía, elaborada polo Consello Audiovisual de Andalucía, ofrece pautas sobre o tratamento informativo da violencia de xénero nos medios. Destaca a importancia de empregar unha linguaxe precisa como “violencia de xénero” ou “violencia machista”, evitando termos como “crime pasional”. Ademais, subliña a responsabilidade do persoal traballador no ámbito da comunicación de contribuír a erradicar a violencia e a sensibilizar á sociedade, evitando tratar estes casos como simples sucesos, e destacando a súa conexión coas desigualdades de xénero.
Clic aquí para acceder á guía (PDF) ou nesta copia se non está dispoñible.
Manual de estilo sobre o tratamento da violencia contra as mulleres
RTVE, 2010
O apartado do manual de estilo de Radio Televisión Española (RTVE) sobre o tratamento da violencia contra as mulleres establece pautas claras para evitar a transmisión de contidos que inciten á violencia ou contribúan á impunidade social destes delitos. Destácase a importancia de respectar a dignidade das vítimas, evitando amosar a súa dor sen o consentimento e sen caer no morbo. Ademais, subliña a necesidade de identificar correctamente á persoa agresora e evitar os estereotipos de xénero.
Clic aquí para acceder á guía.
Ámbito económico, patrimonial e financeiro
Guía de prevención de violencia económica y abuso financiero
FFM Isadora Duncan, 2023
A guía de prevención da violencia económica e do abuso financieiro, elaborada pola Fundación de Familias Monoparentais Isadora Duncan, ofrece información sobre como identificar e previr este tipo de violencia, que se caracteriza pola manipulación dos recursos económicos para o control da parella. Nesta guía defínese a violencia económica como “unha táctica de control” e subliña as súas graves consecuencias, tanto económicas como psicolóxicas. Ademais, destaca as sinais de alerta e a importancia dunha relación económica corresponsable e igualitaria. Cabe destacar que, a pesar da súa prevalencia, a violencia económica aínda carece de lexislación e protocolos claros no estado español.
Clic aquí para acceder á guía (PDF) ou nesta copia se non está dispoñible.
Guía informativa de violencia de género económica
Concello de Marbella, 2019
Este documento elaborado polo Concello de Marbella, pretende, por unha banda, definir e caracterizar a violencia de xénero económica, e, pola outra, promover ferramentas para a detección deste tipo de violencia. Concretamente, esta guía dispón de indicadores para recoñecer a violencia económica para profesionais, así como para mulleres que, a título individual, desexen elaborar unha autoanálise. Para ámbalas dúas situacións, ofrécense directrices para tratar de actuar sobre o maltrato económico. Finalmente, ofrécense unha serie de recursos ofrecidos, así como un glosario de termos para comprender a complexidade da violencia de xénero económica.
Clic aquí para consultar a guía ou nesta copia (PDF) se non está dispoñible.
Ámbito tecnolóxico
Guía para la prevención del ciberacoso en jóvenes
Consejería de Mujer, Igualdad, LGTBI, Familias y Política Social de la Región de Murcia, 2021
Esta guía ofrece información esencial para identificar, previr e actuar fronte a diversas formas de violencia en liña que afectan á poboación moza. A guía aborda diferentes tipos de ciberacoso en xóvenes, pero tamén se centra na ciberviolencia de xénero, sinalando diversos indicadores para a súa detección -incluíndo unha autovaloración para detectar se se está a sufrir ciberviolencia de xénero-, e promovendo tamén formas de actuación e recursos aos que acudir no caso de precisar axuda.
Clic aquí para acceder á guía (PDF) ou nesta copia se non está dispoñible.
Guía didáctica: “Conectar sin que nos raye”
“Conectar sin que nos raye” é unha guía didáctica elaborada por Isa Duque dirixida a todas aquelas persoas que nos relacionamos con poboación adolescente que desexamos traballar(nos) temas de ciberviolencias, coidados dixitais e moito máis relacionado coas tecnoloxías das relacións, información e comunicación, as TRICS.
Clic aquí para acceder á guía.
Violencia machista cara mulleres con discapacidade
Guía da violencia contra as mulleres con discapacidade
Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia – ACADAR, 2016
A guía “violencia contra as mulleres con discapacidade” aborda as múltiples formas de violencia ás que se enfrontan as mulleres con discapacidade, incluíndo violencia física, sexual, psicolóxica, obstétrica, cultural, estrutural e económica. Saliéntase que as mulleres con discapacidade son especialmente vulnerables debido a barreiras físicas, comunicativas e sociais que limitan o seu acceso a recursos e apoio. O documento proporciona ferramentas para identificar sinais de violencia e ofrece recomendacións para intervir e apoiar ás vítimas.
Clic aquí para acceder á guía (PDF) ou nesta copia se non está dispoñible.
Guía para a prevención da violencia sexual dixital cara ás nenas e mulleres con discapacidade
ACADAR, 2023
A través desta outra guía elaborada por ACADAR, preténdese poñer o foco específico sobre a violencia sexual dixital, tanto en nenas como en mulleres con discapacidade. Deste xeito, o documento comeza cunha presentación da problemática, aportando datos para comprender a magnitude da violencia sexual na rede. Debido ao carácter preventivo desta guía, ofrécense unhas directrices tanto para o non exercicio desta como consellos de prevención a título individual. No caso de que xa se sufra ou teña sufrido de violencia sexual dixital, apórtanse unhas pautas de actuación, así como de apoio para a súa erradicación. A guía finaliza coa exposición de recursos de utilidade para todas aquelas persoas que o precisen.
Clic aquí para acceder á guía (PDF) ou nesta copia se non está dispoñible.
Guía sobre violencia de xénero en lectura fácil
Plena Inclusión Aragón, 2021
Trátase dunha guía elaborada por Plena Inclusión Aragón a cal, se ben trata de concienciar de maneira xenérica sobre a violencia de xénero, atópase escrita en formato de lectura fácil, sendo, por tanto, máis accesible para tódolos colectivos sociais. Apoiada tamén por pictogramas, a guía describe describe e tipoloxiza a violencia de xénero, pero tamén aporta unhas pautas sinxelas para favorecer á detección desta, seguida de pequenos consellos para a actuación.
Clic aquí para acceder á guía (PDF) ou nesta copia se non está dispoñible.
Violencia machista cara mulleres migrantes
Guía de acollida de persoas migrantes
Asociación Plataforma polo Emprego, 2023
A asociación Plataforma polo emprego elaborou esta guía que, se ben ten presente máis ámbitos de actuación, contén información específica para actuar en caso de que as mulleres migrantes sexan vítimas de violencia de xénero, así como vítimas da trata sexual. Concretamente, sinálanse tanto os dereitos como as prestacións ás que poden acceder, poñéndose o énfase en cuestións tales coma que, no caso de estar en situación irregular, poñer unha denuncia non supón o inicio dun proceso administrativo sancionador. Se a persoa se atopa en situación de trata, sinálanse tamén os recursos e servizos aos que se pode acudir para informarse e denunciar.
Clic aquí para acceder á guía (PDF) ou nesta copia se non está dispoñible.
Guía sobre violencia sexual y de género en el contexto de las migraciones en España
Organización Internacional para las Migraciones, 2020
Esta guía, elaborada pola Organización Internacional para as Migracións (OIM), analiza como a violencia sexual e de xénero afecta a persoas migrantes, especialmente a mulleres, tentando establecer pautas de prevención, así como o fortalecemento do apoio ás vítimas migrantes en España.
O documento divídese en tres capítulos. No primeiro deles, tenta definirse a violencia sexual e de xénero, e sinálase como esta intersecciona coa condición da orixe e procedencia. O segundo capítulo establece unhas pautas e indicadores de detección da violencia de xénero na poboación migrante. Por último, o terceiro capítulo tenta definir o marco legal sobre a violencia contra as mulleres en España e define os protocolos de actuación en materia de violencia sexual e de xénero. Trátase, pois, dun documento tamén de carácter crítico e introspectivo, xa que se tenta poñer en relevancia que o sistema xurídico e as redes de apoio a vítimas non se atopan adaptados aos casos nos que as vítimas son migrantes.
Clic aquí para acceder á guía (PDF) ou nesta copia se non está dispoñible.
Violencia machista cara persoas de avanzada idade
Violencia machista contra las mujeres mayores en las relaciones de pareja o expareja. Guía para la detección y el acompañamiento inicial
EDE Suspergintza Intervención Social, 2022
Este documento aborda a problemática específica da violencia machista que sofren as mulleres maiores de 65 anos no ámbito da parella e exparella, onde existen indicadores de observación específicos para este grupo de idade. A guía proporciona ferramentas de identificación de diferentes formas de violencia exercida contra mulleres maiores, analizándose, ademais, o ciclo e a escalada da violencia, as consecuencias para as vítimas e os factores de risco que dificultan a detección e abordaxe. Ademais, ofrécense recomendacións prácticas para a detección e o acompañamento inicial de mulleres de avanzada idade que poden estar sufrindo violencia machista, detallando recursos dispoñibles para a atención destas mulleres, e subliñándose a importancia do autocoidado para as persoas que brindan o apoio.
Clic aquí para acceder á guía (PDF) ou nesta copia se non está dispoñible.
Manual de violencia de xénero en mulleres maiores
Xunta de Galicia, 2019
Trátase dun documento dedicado a profesionais dos centros de maiores da Rede da Xunta, mais debido á falta de recursos que informen sobre esta problemática específica, pode ser de grande validez para público xeralista. Concretamente, a través deste texto defínese e caracterízase a violencia de xénero para, posteriormente, establecerse pautas e indicadores para a detección de mulleres en situación de violencia de xénero. Ademais, sinálanse aqueles erros máis comunmente cometidos por profesionais á hora de actuar fronte a situacións de violencia. O manual finaliza cunha enumeración de servizos e recursos dispoñibles no caso de ser vítima de violencia de xénero.
Clic aquí para acceder á guía (PDF) ou nesta copia se non está dispoñible.