Por medio do seguinte formulario, a entidade á que represento, amosa o seu compromiso e vontade de poñerse DE FRONTE á violencia de xénero.
DE FRONTE é un proxecto impulsado pola Área de Igualdade da Deputación da Coruña co gallo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
O 25 de novembro foi declarado Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 17 de decembro de 1999, instando a gobernos, organizacións non gobernamentais e á sociedade civil no seu conxunto a planificar e desenvolver accións de sensibilización ao respecto da situación de violencia vivida por moitas mulleres.
A nivel conceptual as violencias machistas son todas aquelas formas de violencia que se dan no contexto dunha sociedade patriarcal, que outorga privilexios aos homes polo feito de ser homes, restando en consecuencia dereitos ás mulleres, dando así lugar a unha diversidade de violencias e desigualdades: estruturais; económicas; psicolóxicas; sexuais, etc. Neste marco, a noción de violencia de xénero fai referencia á toda aquela forma de violencia que sofren as mulleres polo feito de selo. Baixando á definición dada pola Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, a violencia de xénero sería “(…) calquera acto violento ou agresión, baseados nunha situación de desigualdade no marco dun sistema de relacións de dominación dos homes sobre as mulleres que teña ou poida ter como consecuencia un dano físico, sexual ou psicolóxico, incluídas as ameazas de tales actos e a coacción ou privación arbitraria da liberdade, tanto se ocorren no ámbito público coma na vida familiar ou privada”.
O impacto da violencia de xénero supera en moito a imaxe trasladada polos datos oficiais, mais soamente atendendo aos datos de feminicidios cometidos nos últimos anos queda máis que patente que aínda hai moito por facer. É imprescindible continuar o traballo de forma coordinada, rachando co silencio e apostando pola sensibilización da sociedade e a prevención, desenvolvendo accións dirixidas a sensibilizar ao conxunto da sociedade sobre os danos provocados pola desigualdade e as condutas violentas, axudando á toma de conciencia sobre a magnitude da violencia contra as mulleres e as consecuencias que ten nas súas vidas e nas das súas fillas e fillos.
Xa na Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, no art. 6 faise referencia ao significado da transversalidade e criterios de actuación. E recóllese que ” na aplicación dese principio de integración da dimensión da igualdade de oportunidades na elaboración, na execución e no seguimento de todas as políticas e de todas as accións da súa competencia, ou principio de transversalidade, a Xunta de Galicia establece como criterios xerais da súa actuación: a) O fomento da colaboración entre os diversos suxeitos implicados na igualdade de oportunidades, trátese de suxeitos públicos de ámbito internacional, comunitario, estatal, autonómico, provincial ou local, ou trátese de suxeitos privados, como os partidos políticos, os sindicatos de traballadores ou traballadoras, as asociacións de empresariado ou os colexios profesionais, e, especialmente, a colaboración fomentarase en relación coas asociacións e cos grupos de mulleres”.
A Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, no seu artigo 14.3 fai referencia a “colaboración e cooperación entre as distintas administracións públicas na aplicación do principio de igualdade de trato e de oportunidades” e no artigo 21 puntos 1 e 2 recolle que “a Administración xeral do Estado e as administración das comunidades autónomas cooperarán para integrar o dereito de igualdade entre mulleres e homes no exercicio das súas respectivas competencias e, en especial, nas súas actuacións de planificación. No seo da Conferencia Sectorial da Muller poderanse adoptar plans e programas conxuntos de actuación con esta finalidade. As entidades locais integrarán o dereito de igualdade no exercicio das súas competencias e colaborarán, para tal efecto, co resto das administracións públicas”.
Segundo o artigo 4 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, baixo o principio xeral de cooperación e coordinación “os poderes públicos galegos intensificarán as accións para a cooperación e coordinación interinstitucional dos recursos e instrumentos contra a violencia de xénero, promovendo a colaboración e a participación das asociacións de mulleres, así como das entidades e organizacións da sociedade civil”.
Por isto, a Deputación da Coruña insiste un ano máis na acción pola promoción e o apoio da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes na provincia, co desenvolvemento de diferentes actuacións de sensibilización, prevención e/ou de intervención social. Así, convoca anualmente subvencións baseándose na Lei 38/2003 , do 17 de novembro, xeral de subvencións, dirixida a entidades locais e a entidades sen ánimo de lucro, asina convenios singulares con diferentes entidades e fomenta a través desta campaña a creación de redes de entidades comprometidas coa acción contra a violencia de xénero.
Ante esta realidade, a entidade asinante deste compromiso declara a súa vontade de poñerse DE FRONTE á violencia de xénero, das seguintes formas:
- REXEITANDO de maneira expresa e clara calquera acto de violencia contra as mulleres no marco do fomento dunha cultura da igualdade e do respecto á diversidade.
- REALIZANDO unha declaración institucional no contexto da conmemoración do día 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, convidando a poñerse de fronte á violencia de xénero.
- COLABORANDO activamente na creación dunha rede de entidades sensibles e comprometidas coa igualdade e a erradicación da violencia de xénero, fomentando a creación de sinerxías entre elas, coa propia Deputación da Coruña, e coa sociedade no seu conxunto.
- DIFUNDIDO as diferentes actividades desta campaña, aumentando o alcance da mesma entre familias, profesionais da docencia e público en xeral.
- EMPREGANDO os recursos desta campaña como parte de futuras accións de sensibilización fronte ás diferentes formas de violencia que o heteropatriarcado exerce sobre as persoas, e de maneira especial, fronte á violencia de xénero.
- REFORZANDO o uso de linguaxe e imaxes inclusivas e non estereotipadas, promovendo outros modelos de masculinidade e feminidade.
- ESTENDENDO o convite da Deputación da Coruña a poñernos DE FRONTE á violencia de xénero, creando alianzas con outros axentes económicos, sociais, culturais, educativos, deportivos e de saúde para favorecer a inclusión en igualdade de condicións.