Libros ilustrados que abordan as violencias machistas

A literatura ilustrada é unha poderosa ferramenta para xerar conciencia, empatía e reflexionar sobre as violencias machistas. Nesta listaxe preséntanse unha selección de libros ilustrados organizados por franxas de idade (infantil, xuvenil e adulta) que abordan de maneira sensible, crítica e educativa as diversas formas e manifestacións de violencia machista.

Deste xeito, cada obra seleccionada non só invita á reflexión, senón que tamén fomenta o diálogo interxeracional, o pensamento crítico ou o compromiso social como pilares fundamentais para promover un mundo máis igualitario.

Libros ilustrados para público infantil

Rosa Caramelo

Adela Turín e Nella Bosnia (ilustración). Kalandraka (2012)

“Rosa Caramelo”, de Andrea Turín e ilustrado por Nella Bosnia, é un libro infantil que se centra nunha familia de elefantes, onde as elefantas deben cumprir con estritos estándares de feminidade: comer un tipo especial de flores para volverse rosadas e delicadas, mentres son adornadas con lazos e encerradas nun xardín para protexelas. Sen embargo, Margarida, a protagonista, non logra volverse rosa a pesar de tódolos esforzos. Finalmente, rebélase contra as imposicións, rexeita as restricións e únese aos elefantes machos na súa liberdade para xogar e explorar. A súa decisión inspira a outras elefantas a facer o mesmo, rompendo coas normas tradicionais.

O libro emprega unha linguaxe sinxela e unha narrativa simbólica para transmitir unha mensaxe poderosa sobre a igualdade e a importancia de cuestionar os roles de xénero impostos.

Cambia o conto

Música Miúda. Galaxia (2022)

“Cambia o conto” de Música Miúda é un libro que reimaxina contos clásicos dende unha perspectiva moderna e inclusiva. A través de historias renovadas, cuestiónanse os estereotipos tradicionais e propóñense finais alternativos que destacan valores como a igualdade, a diversidade e a liberdade de elección. Cun enfoque creativo e educativo,  a obra invita a reflexionar sobre os roles de xénero e a construír novas narrativas para as vindeiras xeracións.

Sí es sí, no es no y siempre lo decido yo

Megan Madison, Jesica Ralli e Isabel Roxas (ilustración). Penguin Kids (2024)

“Sí es sí, no es no y siempre lo decido yo” ensina aos nenos a importancia do consentimento e o respecto polos límites persoais. Cunha linguaxe sinxela e coloridas ilustracións, o libro explica como recoñecer e expresar de maneira clara un “si” ou un “non”, fomentando a comunicación e a autonomía dende a idade temperá. Pode empregarse como ferramenta educativa co fin de promover relacións saudables, igualitarias e favorecedoras do empoderamento persoal.

Artur e Clementina

Adela Turín e Nella Bosnia (ilustración). Kalandraka (2012)

Artur e Clementina é un conto infantil que aborda a desigualdade nas relacións. Narra a historia de Clementina, unha tartaruga moza chea de soños, e Artur, a súa parella, quen constantemente desestima as súas aspiracións e a sobrecarga con obxectos que ela non desexa. A medida que a historia avanza, Clementina, sufocada polo control de Artur, decide liberarse e procura a súa liberdade lonxe das restricións, enviando unha mensaxe sobre a importancia da independencia emocional e a autoestima.

Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes. 100 historias de mujeres extraordinarias

Francesca Cavallo e Elena Favili. Destino (2023)

“Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes” é unha colección inspiradora de 100 relatos breves sobre mulleres extraordinarias de diferentes épocas e lugares. Dende científicas e artistas ata activistas e deportistas, estas historias celebran a valentía, a creatividade e a determinación de mulleres que romperon barreiras e cambiaron o mundo. Acompañados de vibrantes ilustracións, os contos motivan a nenas a soñar en grande, e crer na súa capacidade para alcanzar calqueira meta.

Vermella

Version 1.0.0

Sabela Losada e Minia Regos (ilustración). Baía Edicións (2018)

“Vermella” é un libro que se centra en relatar a chegada da menstruación de forma natural e positiva. A través dunha narrativa delicada e fermosas ilustracións a cargo de Minia Regos, a historia celebra este cambio como unha etapa significativa na vida das nenas, desmitificando tabús e promovendo a autoaceptación. É un libro que procura normalizar o tema e brindar apoio tanto a nenas como ás súas familias neste proceso de crecemento.

Feminino singular, en plural

Concha Blanco e Laura Romero (ilustración). Baía Edicións (2020).

“Feminino singular, en plural” de Concha Blanco é unha recompilación de relatos que rende homenaxe ás mulleres e ás súas historias de loita, amor e superación. A través de diversas voces e perspectivas, o libro aborda temas como a igualdade, a liberdade e os desafíos que enfrontan as mulleres en diferentes contextos. Cunha narrativa emotiva e reflexiva, esta obra celebra a pluralidade de experiencias femininas e o seu impacto na sociedade.

Yo voy conmigo

Raquel Díaz Reguera. Thule (2015)

En “Yo voy conmigo” atopámonos a unha nena que está namorada dun neno que parece non fixarse nela. Nun intento por captar a súa atención, comeza a cambiar aspectos de si mesma: quítase as súas trenzas, garda a súa risa, oculta as súas gafas e deixa de facer o que lle gusta. Sen embargo, cada cambio faina sentir menos ela mesma. Finalmente, a nena dáse conta de que o máis importante é manterse fiel a quen realmente é, sen renunciar á súa esencia por compracer aos demais. Un relato poderoso e conmovedor sobre a importancia de ser unha mesma. 

A reconquista

Antía Yáñez e Ana Pedreira (ilustración). Baía (2019)

“A reconquista” é un libro que se desenvolve nunha escola, onde un grupo de nenos e nenas se enfronta a unha divertida “reconquista” do patio de recreo. A historia afonda na figura de Lúa, a cal tenta poñer en marcha unha estratexia para tomar o control do patio, nun ambiente de competencia amigable. Ao longo da obra, as personaxes exploran temáticas como o empoderamento feminino, a amizade, a cooperación, o poder da imaxinación e as dinámicas sociais que existen entre as crianzas.

El rosa, el azul y tú

Elise Gravel. NubeOcho (2023)

“El rosa, el azul y tú” de Elise Gravel é un libro infantil que invita a reflexionar sobre os estereotipos de xénero. A través desta obra explórase como cores, gustos e actividades non deberían estar limitados por ideas preconcibidas sobre o que é “de nenas” ou “de nenos”. Ademais, fomenta a liberdade de ser un(ha) mesmo/a, celebrando a diversidade e o dereito a elixir sen restricións.

A nai neiga

José Carlos Andrés e Cristina Quiles (ilustración). Jaguar (2021). Formato ebook.

“A nai neiga” narra a vida de Mamá meiga, a cal traballa no Ministerio de Meumedo, compatibilizándoo co coidado dos seus trillizos, o seu distraído marido Atronado e numerosos animais de compaña. A pesar do seu esgotamento, ao chegar a casa, ela “desorganiza” todo: ensucia aos nenos que veñen limpos do colexio e prepara comida podre, polo que case non ten tempo para consultar a súa bóla de cristal. Amparado no humor irreverente, a historia tenta reflexar os desafíos que afronta as desigualdades na conciliación e na corresponsabilidade parental.

Me llamo pecas

Raquel Díaz Reguera. NubeOcho (2018)

Me llamo Pecas” aborda a cuestión dos estereotipos de xénero dende a perspectiva dunha nena chamada Pecas. Ao longo da historia, Pecas pregúntase por que existen xogos, cores, cortes de pelo e ata contos diferenciados para nenos e nenas. A autora reflexiona sobre a desaparición destas divisións en diversos ámbitos, promovendo a igualdade e a liberdade de elección dende a infancia.

Que lles pasa ás princesas?

Felicia Redondo e Jessica Mera (ilustración). Xerais (2019)

“Que lles pasa ás princesas?” aborda dun xeito moi sinxelo á par que divertido o tema dos estereotipos asociados ás princesas nos contos infantís. A través da súa narrativa (adaptada para crianzas de 5 a 6 anos), a autora invita a cuestionar as ideas preconcibidas sobre o que significa ser unha princesa. As protagonistas da historia son princesas que non se axustan aos moldes clásicos: non sempre son doces, submisas ou perfectas, senón que teñen personalidades diversas e queren vivir de maneiras distintas ás que a sociedade espera delas. Cun enfoque moi fresco, a obra invita a reflexionar sobre a igualdade de xénero e o dereito á autodeterminación dende unha perspectiva lúdica e accesible para as crianzas.

Daniela Pirata

Susanna Isern e Gómez (ilustración). NubeOcho (2017)

Trátase dun conto que segue a Daniela, unha nena valente e decidida que soña con unirse á tripulación do temido barco pirata “Caimán Negro”. A pesar de enfrontar desafíos e prexuízos de xénero que buscan desanimala, Daniela amosa o seu enxeño, coraxe e habilidade, capacidades que, por suposto, non teñen que ver con ser muller ou home. Deste xeito, o libro pretende transmitir unha poderosa mensaxe sobre igualdade, perseverancia e a importancia de romper estereotipos.  

E que vai ser?

Adelaida Vidal e María Montes (ilustración). Baía (2023)

A través de “E que vai ser” afóndase na historia dun bebé ao que dende a barriga escoita como á súa nai lle son preguntadas todo tipo de cuestións, entre elas, que sexo vai ter. Dun xeito moi sinxelo afóndase na profundidade dos estereotipos de xénero, os cales están presentes dende unha idade máis temperá que o propio nacemento, e como a sociedade fai uso deles e segue a perpetualos.

Princesas que cambiaron el cuento

Virginia Mosquera e Lydia Sánchez (ilustración). Lumen (2018)

Escrito por Virginia Mosquera, “Princesas que cambiaron el cuento” é un libro que reinventa o concepto clásico das princesas, presentando historias de mulleres valentes, independentes e decididas a escribir o seu propio destino. A través de contos orixinais e empoderadores, o libro desafía os estereotipos tradicionais e celebra a diversidade, amosando ás princesas coma líderes, soñadoras e axentes de cambio. É unha invitación a imaxinar finais diferentes e a inspirarse na forza destas protagonistas modernas.

Nacer niña

Alice Dussutour. Juventud (2023).

“Nacer niña” de Alice Dussutour, é un libro ilustrado que reflexiona sobre as experiencias das nenas en diversas partes do mundo, destacando as desigualdades de xénero e os desafíos que enfrontan dende o seu nacemento. A través de textos accesibles e poderosas imaxes, o libro aborda temas como a educación, os dereitos e os estereotipos, promovendo a empatía e a conciencia social. É unha invitación a cuestionar as normas culturais e a traballar por un mundo máis igualitario.

¡Vivan las uñas de colores!

Alicia Acosta, Luis Amavisca e Gusti (ilustración). NubeOcho (2018)

Trátase dun conto infantil que celebra a liberdade de expresión e rompe estereotipos de xénero. A historia segue a un neno que pinta as súas unllas de cores porque lle fai feliz, pero debido a isto, enfronta burlas dalgúns dos seus compañeiros. Co apoio do seu pai e o seu entorno, aprende a defender a súa individualidade e a desfrutar sendo el mesmo. Este libro transmite unha mensaxe de aceptación, diversidade e valentía para ser auténtico.

Libros ilustrados para público xuvenil

Amor amargo

Xosé A. Perozo e Victoria Riveiro Currais (ilustración). Auga (2019)

“Amor Amargo” narra a historia de Ana, unha moza de dezasete anos que, tras finalizar o bacharelato, inicia unha relación amorosa con Uxío, un universitario maior ca ela. A raíz desta relación, o seu grupo de amigos comezan a detectar que Uxío non é unha boa influencia para ela, que pode estar exercendo violencia cara Ana, e tentan alertala da situación na que está. A través de “amor amargo”, Xosé A. Perozo trata temáticas tales como a violencia machista, estereotipos tradicionais e os problemas do amor romántico, pero tamén o empoderamento feminino e a sensibilización ante este tipo de situacións.

Madialeva

Ana Moreiras. Aira (2020)

“Madialeva”, de Ana Moreiras, é unha emotiva homenaxe ao rural galego, especialmente ás mulleres que o sostiveron cun esforzo silencioso e a pesar das graves discriminacións ás que eran sometidas. A través de historias entrelazadas, a autora retrata matrimonios concertados, talleres de costura onde se exercía unha clara explotación e as sombras da posguerra. Cun enfoque próximo á persoa lectora, Moreiras combina recordos persoais e ficción, creando unha novela gráfica que reivindica a memoria dunha xeración esquecida. É unha obra imprescindible, profundamente humana e conmovedora.

Malas mujeres

María Hesse. Lumen (2022)

“Malas mujeres” é unha obra ilustrada que reinterpreta o concepto de “mala muller”, explorando a vida de figuras históricas e mitolóxicas que foron etiquetadas así por desafiar as normas do seu tempo. Co seu característico estilo artístico, Hesse reflexiona sobre como estas mulleres, a miúdo incomprendidas, loitaron pola súa liberdade, creatividade e independencia. O libro invita, pois, a cuestionar os estereotipos e celebra a rebeldía como un acto de transformación e empoderamento.

El club de las marginadas

Beka Mehu e Camille Mehu. Norma (2024)

“El club de las marginadas”, creado por Beka e Camille Mehu, é unha novela gráfica que segue a cinco mozas: Paloma, Céleste, Sierra, Apolline e Chelonia. Aínda que parecen rapazas comúns do instituto, cada unha enfronta a súa soidade e os seus desafíos, sendo consideradas raras ou rexeitadas polos compañeiros. Chelonia reúneas para formar “o club das marxinadas”, co obxectivo de unir as súas forzas e diferenzas, brindándose o apoio necesario para enfrontar os seus demos persoais. A obra aborda temas como a soidade adolescente, a discriminación de xénero, o acoso, a xestión emocional e a autoestima, ofrecendo unha visión honesta e crúa sobre estas experiencias.

Las chicas son de ciencias

Irene Cívico, Sergio Parra e Nuria Aparicio (ilustración). Montena (2018)

Este libro celebra o papel fundamental das mulleres no mundo da ciencia, destacando a vida e logros fundamentais de 25 científicas extraordinarias que desafiaron as barreiras do xénero e transformaron o coñecemento humano. Dende pioneiras como Marie Curie ata figuras menos coñecidas, o libro presenta as súas historias dunha maneira accesible e fascinante, inspirando ás novas xeracións a seguir os seus pasos.

Ademais de estar cheo de curiosidades, “Las chicas son de ciencias” non só reivindica o lugar das mulleres na ciencia, senón que tamén motiva ás nenas e adolescentes a soñar en grande e a non deixarse limitar polos estereotipos de xénero.

Penélope en el mar

Gema Sirvent e Raúl Gurid (ilustración). Avenauta (2021)

A través de “Penélope en el mar” atopámonos cunha proposición alternativa da historia narrada na Odisea de Homero. Se no pasado, Homero reservou para Penélope un papel de prudencia, discreción, de fidelidade e de espera (estereotipos clásicos asociados ao comportamento feminino), Gema Sirvent posiciona a Penélope co desexo de ser Ulises, e de enfrontarse aos perigos que tería por diante. Isto permítenos ver como, neste caso, é reinvestido o rol tradicional da Penélope pasiva ao dunha Penélope activa e dona de si. Trátase pois, dun álbum ilustrado que homenaxe ás mulleres que elixen o seu propio destino.

La perra, la cerda, la zorra y la loba

Luis Amavisca e Marta Sevilla. NubeOcho (2020)

Este álbum ilustrado aborda o poder da linguaxe e dos prexuízos asociados a certas palabras. A través das historias de catro animais -unha cadela, unha porca, unha raposa e unha loba-, reflexiónase sobre como estes termos, cargados de estereotipos e connotacións negativas na nosa sociedade, ocultan a verdadeira esencia de cada personaxe. Cun enfoque feminista e reivindicativo, o libro invita a repensar o uso das palabras e a desafiar a discriminación e os prexuízos, celebrando a diversidade, a fortaleza e a liberdade de ser unha mesma.

Maruja Mallo. Enigmaticamente única

María Canosa e Bea Gregores (ilustración). Bululu (2023)

Escrita por María Canosa, e con ilustracións a cargo de Bea Gregores, “María Mallo. Enigmáticamente única” é unha biografía ilustrada que rende homenaxe a Maruja Mallo, unha destacada artista galega. A obra explora a súa vida e legado, destacando a súa valentía e liberdade ao manter unha arte única e orixinal, sempre á vangarda no artístico, social e persoal. Mallo somerxeuse na corrente cultural de Madrid dos anos vinte, formando parte activa do movemento das “sen sombreiro”. Foi fonte de inspiración para persoas escritoras, poetas e filósofas, enfrontándose a críticas que non comprendían a súa obra, en parte pola súa condición de muller. Esta biografía ilustrada é ideal para quen desexe descubrir as facetas principais dunha artista enigmática e singular, non exenta de atrancos sociais e desigualdade.

El beso número 8

Colleen AF Venable e Ellen T. Crenshaw (ilustración). La cúpula (2019)

Trátase dunha novela gráfica que segue a Amanda (Mads), unha adolescente cuxa vida da un xiro inesperado cando descobre segredos familiares e comeza a cuestionar a súa identidade e orientación sexual. Mentres navega pola complexidade da amizade e o amor adolescente e o rexeitamento, Mads tamén enfronta os desafíos de medrar nunha contorna marcada por prexuízos. Cun estilo gráfico vibrante e unha narrativa honesta, a historia aborda temas como a identidade “queer”, a aceptación e a importancia da autenticidade. “El beso número 8” é un relato emotivo e profundamente humano que celebra o valor de ser un mesmo, incluíndo cando o camiño está cheo de dúbidas e obstáculos.  

Libros ilustrados para público adulto

Herba

Keum Suk Gendry-Kim. Rinoceronte (2024)

“Herba” é unha poderosa novela gráfica que narra a desgarradora historia real de Lee Ok-Sun, unha das mules de mulleres coreanas que foron forzadas a servir como “mulleres de confort” para o exército xaponés durante a Segunda Guerra Mundial. A través de entrevistas, a autora Keum Suk Gendry-Kim reconstrúe a infancia de Lee, o seu secuestro, as atrocidades que sufriu e a súa loita por atopar paz e dignidade no medio do silencio e a vergoña imposta pola sociedade. Cun estilo visual, sobrio e emotivo, a obra non só da voz ás vítimas desta traxedia histórica, senón que tamén reflexiona sobre a memoria, o trauma e a resiliencia fronte á opresión. “Herba” é unha homenaxe ás mulleres silenciadas e unha testemuña conmovedora que procura xustiza e recoñecemento.

Asuntos de mujeres

Julie Delporte. Astiberri (2021)

“Asuntos de mujeres” é unha introspectiva novela gráfica que explora a experiencia das mulleres dende unha perspectiva profundamente persoal e poética. A través dunha narración visual delicada e debuxos realizados en lapis de cores, Julie Delporte reflexiona sobre o abuso sexual, o corpo, a maternidade, o trauma, o amor e a liberdade, cuestionando as expectativas e restricións impostas pola sociedade patriarcal.

A obra combina memorias, pensamentos e emocións, creando un retrato íntimo da loita pola autonomía e a reconciliación co propio ser. “Asuntos de mujeres” é un relato poderoso e emotivo que invita a meditar sobre a identidade, o feminismo e o acto de resistir a través da arte.

Alison

Lizzy Stewart. Errata Naturae (2023)

“Alison” é unha novela gráfica que retrata a vida da súa protagonista homónima, unha muller atrapada entre as expectativas sociais, as súas relacións persoais e o seu propio desexo de liberdade. A través de capítulos que oscilan entre diferentes etapas da súa vida, Lizzy Stewart explora como Alison tenta construír a súa identidade, mentres navega por relacións desequilibradas, marcadas pola desigualdade de xénero e a procura de aprobación.

Cun estilo visual melancólico e evocador, a historia reflexiona sobre a percepción das mulleres na arte, o amor e a sociedade, amosando as complexidades de ser muller nun mundo que constantemente dita como debe ser e comportarse.

Bordados

Marjane Satrapi. Reservoir Books (2021)

En “Bordados”, Marjane Satrapi invita á persoa lectora a unha conversa íntima entre mulleres iranas que, arredor dunha cunca de té, comparten confidencias, anécdotas e reflexións sobre o amor, o matrimonio, o sexo e a vida nunha sociedade patriarcal. A obra recolle historias divertidas, dolorosas e reveladoras sobre a opresión de xénero, as expectativas culturais e a loita pola autonomía en medio das tradicións.

Co característico humor e perspicacia de Satrapi, Bordados convértese nun retrato colectivo cheo de ironía e complicidade, amosando a forza e resiliencia das mulleres fronte ás restricións sociais. É unha celebración da sororidade e o poder da palabra como medio de resistencia.

Aguagim

Marina Sáez. Garbuix (2024)

“Aguagim” é unha novela gráfica de Marina Sáez que retrata a vida dun grupo de mulleres de idade avanzada que asisten a clases de aquagym nunha piscina do barrio de Gràcia, en Barcelona. Estas mulleres, na súa maioría viúvas e de máis de oitenta anos, atopan na natación un espazo para socializar, celebrar a amizade e coidarse mutuamente. Ademais, represéntanse de maneira auténtica os corpos reais das mulleres, desafiando os estereotipos normativos e a presión estética sobre a corporalidade.

Persépole

Marjane Satrapi. Rinoceronte (2023)

“Persépole” é unha novela autobiográfica que narra a infancia e xuventude de Marjane Satrapi en Irán durante a Revolución Islámica e as súas consecuencias. A través de viñetas en branco e negro, a autora describe como o cambio de réxime transformou radicalmente a sociedade iraniana, afectando á súa vida familiar, á súa educación e á súa identidade persoal.

A obra explora temas como a represión política, a opresión de xénero, o exilio e o choque cultural, mentres Marjane procura atopar o seu lugar nun mundo dividido entre tradición e modernidade. Cun enfoque honesto e a miúdo humorístico, “Persépole” é unha testemuña conmovedora de resiliencia e unha crítica ás inxustizas derivadas do fanatismo e a guerra.

No me toques los limones

Shara Limone. Grijalbo (2020)

Esta novela gráfica aborda, con humor e situacións cotiás, temas relacionados co feminismo e a igualdade. A través de ilustracións caracterizadas por un trazo rotundo e unha cor amarela limón, a autora narra a súa evolución persoal cara o feminismo, dende desexar ser unha princesa ata decidir romper barreiras e estereotipos.

Fun Home: Unha familia traxicómica

Alison Bechdel. Rinoceronte (2024)

“Fun Home: Unha familia traxicómica” é unha memoria gráfica que narra a complexa relación de Alison Bechdel co seu pai, Bruce Bechdel, un home obsesionado coa perfección estética, dono dunha funeraria (e á que a familia pon de alcume “Fun Home”) e profesor de literatura. A través dun relato non lineal, Alison explora o seu descubrimento da propia identidade sexual e a influencia do seu pai, cuxa homosexualidade reprimida e comportamento autoritario marcaron profundamente a súa vida.

A novela entrelaza temas como a represión, o duelo, o impacto das expectativas de xénero e o contraste entre as vidas públicas e privadas, mentres Alison tenta comprender a misteriosa morte do seu pai e o seu legado emocional. A obra é unha testemuña íntima, cargada de humor escuro e referencias literarias, que examina a fraxilidade das relacións familiares e a procura da identidade persoal.

Valerosas 1: Mujeres que solo hacen lo que ellas quieren

Pénélope Bagieu. Dib buks (2017)

“Valerosas 1: Mujeres que solo hacen lo que ellas quieren” é unha novela gráfica de Penélope Bagieu que representa as historias de mulleres excepcionais ao longo da historia. A través de vibrantes ilustracións, así como dun estilo narrativo moi dinámico, Bagieu retrata as vidas de mulleres valentes que desafiaron as normas sociais, culturais e políticas do seu tempo. Cada capítulo está dedicado a unha protagonista diferente, dende científicas e artistas ata activistas e raíñas, amosando as súas loitas, logros e a determinación que as levou a deixar a súa pegada no mundo.

Los sentimientos del príncipe Carlos

Liv Strömquist. Reservoir Books (2019)

“Los sentimientos del príncipe Carlos” é unha mordaz e divertida novela gráfica que analiza as construcións sociais do amor romántico e a súa relación coa desigualdade de xénero. A través de viñetas cheas de humor ácido e datos históricos, Liv Strömquist cuestiona como as narrativas culturais moldearon as expectativas en torno ao amor, perpetuando dinámicas de poder desiguais e roles de xénero opresivos. Ademais, a obra desmonta con ironía conceptos como o amor eterno, os celos e a dependencia emocional, mentres invita á persoa lectora a reflexionar sobre a liberdade individual dentro das relacións. É un relato incisivo e provocador que combina feminismo, socioloxía e un agudo sentido do humor.

La mala leche

Henar Álvarez e Ana Müshell (ilustración). Planeta (2020)

Esta novela gráfica, cargada de humor ácido e honestidade, segue a vida de Nani, unha muller atrapada entre as demandas da maternidade e os seus propios desexos. A través desta historia explórase a presión social sobre as mulleres, sobre o desexo sexual e sobre como se modifica a concepción social dunha muller unha vez se convirte en nai, e a diferencia da figura paterna. Cun enfoque desenfadado, “La mala leche” invita a reflexionar sobre a maternidade, as violencias machistas inscritas na cotidianeidade e o pracer feminino. Trátase, pois, dunha obra que conecta coas persoas lectoras dende a risa, a empatía e a reflexión crítica.

Patos. Dos años en las arenas petrolíferas

Kate Beaton. Norma (2023).

“Patos. Dos años en las arenas petrolíferas” é unha novela gráfica de Kate Beaton que narra a súa experiencia persoal traballando nas areas petrolíferas de Alberta, Canadá. A historia segue a Beaton, recentemente graduada e cargada de débedas estudantís, mentres deixa o seu fogar en Nova Escocia e se traslada aos campos petrolíferos na procura de oportunidades económicas.

O libro explora os desafíos da vida nun entorno illado e de predominio masculino, onde o esgotador traballo físico é mesturado con tensións sociais, soidade e o impacto ambiental da industria. Cunha combinación de humor, honestidade e sensibilidade, Beaton revela as dinámicas humanas complexas e as loitas internas de quen vive e traballa neste duro contexto.