Literatura xuvenil

“Nenas e nenos”

Aingeru Mayor e Susana Monteagudo. Litera Libros (2020)

No mundo hai moitas nenas e moitos nenos. Milleiros de millóns. E non hai dous que sexan iguais. Cada unha, cada un, é unha nena ou un neno á súa maneira. Hai quen leva o pelo longo e quen o leva curto. Quen leva pendentes e quen non. Moitas nenas vístense de princesas e algúns nenos tamén. E hai nenas que se disfrazan de piratas, como moitos nenos. Cada nena é unha nena ao seu xeito. Cada neno é un neno ao seu xeito. E que bonito é que cada unha, que cada un, poida ser como é!

Epílogo: “Ideas básicas para comprender os feitos de diversidade sexual”.

“¡BASTA! Guía de autodefensa feminista para adolescentes (y más…)”

María Kronsky e Marion Le Muzic. Litera Libros (2022)

Ser muller nesta sociedade implica enfrontarse regularmente a comportamentos machistas. Como identificar e afrontar esas condutas? Neste cómic as adolescentes (e máis…) atoparán un conxunto de técnicas para sentirse máis preparadas, libres e seguras: posturas corporais, defensa verbal, o xiro de cento oitenta graos, a intervención paradoxal, a defensa física… En definitiva, diferentes ferramentas para axudarlles a sentirse máis libres e seguras, tanto nos espazos públicos como na esfera privada.

“Tu cuerpo es único y es extraordinario ¡Aprende a quererlo!”

Jessica Sanders e Carol Rosseti. RBA Libros (2020)

A falta de autoestima e a presión provocada polos modelos de beleza irreais afectan a saúde física e mental das adolescentes. Jess  Sanders pregúntase como sería o mundo se as nenas crecesen queréndose e explícao nun libro influenciado pola funcionalidade corporal, a teoría feminista e o movemento body positive. O teu corpo é único anima a nenas e mozas a admirar os seus corpos, gozar de todas as cousas marabillosas que poden facer, lembrando que son moitos máis que eses corpos.

“Quiero ser una caja de música. Violencias machistas en la juventud adolescente”

Varias autoras. Eolas Ediciones (2016)

O proxecto Quiero ser una caja de música, promovido pola Fundación Fondo Internacional de las Artes, a través da profesora Marifé Santiago, trata de que dez creadoras escriban cartas sobre a violencia de xénero, dirixidas ao alumnado adolescente. O profesorado de diversos institutos de todo o territorio español fixo non só de mensaxeiro desas misivas. Nos clubes de lectura dos centros escolares, leron, analizaron e comentáronas de modo que os alumnos e alumnas que así o decidiron, escribiron á súa vez cartas de resposta e enviáronas á Fundación.

“Leñadoras”

Brooke A. Allen, Grace Ellis, Noelle Stevenson, Shannon Watters. Random House Mondadori (2016)

Serie gañadora dos Premios Eisner nas categorías de Mellor Serie Nova e Mellor Serie Adolescente. Cinco amigas pasan o verán de campamento desafiando yetis hipsters, lobos de tres ollos e falcóns xigantes mentres resolven misterios. Son mozas duras e non están dispostas a que seres sobrenaturais de calquera tipo lles estraguen a festa. Jo, April, Mal, Molly e  Ripley son as Leñadoras, exploradoras guerreiras, divertidas e un pouco  cínicas.

Literatura para adultas

“Manifesto 25N”

Trinta voces pola eliminación da violencia contra a muller (2021)

O Manifesto 25N reúne as voces de trinta autoras e autores galegos que reflexionan, dende a escrita ou as artes plásticas, sobre a violencia contra a muller. A idea xurdiu a partir dunha iniciativa, en novembro de 2020, da Asociación Cultural Caldaloba (Cospeito, Lugo).

Na nota editorial explícase: “Trátase de avivar as conciencias, desde diferentes ópticas expresivas, nunha repulsa colectiva contra un mal da nosa sociedade que parece non ter fin.”

“Tareas compartidas, familia feliz”

Ana Sancho e Noelia Terrer. Litera Libros (2022)

Estamos convencidas de que se valoramos, repartimos equitativamente e facemos de maneira constante as tarefas do fogar, toda a familia goza por igual da vida e da casa. Fácil, lóxico. Atoparedes táboas e explicacións, consellos e trucos para que todo funcione, para que sexa máis fácil, para evitar discusións… Xa sabedes, tooodas esas cousas que pasan en tooodos os fogares. Podémosvos asegurar que, se en casa repártense as tarefas, tamén se reparte a felicidade.

“A cabeza de Medusa”

Marilar Aleixandre. Xerais (2010)

Unha festa de disfraces acaba de madrugada nun camiño afastado onde Sofía e Lupe son violadas. Durante os días que seguen descubrirán que, como a Medusa, moitos non se atreven a miralas en fite. Son elas quen deben avergoñarse? Iso non ocorrería se non levasen minisaia? É mellor non denunciar, non procurar complicacións? Inspirada no mito de Medusa, castigada despois de ser violada a levar serpes por cabeleira. Dende a mesma noite da agresión vai comezar para as dúas mozas o pedregoso camiño da busca da xustiza. Debateranse entre sucumbir e cargar coa lousa que algúns queren pousar sobre elas ou aferrarse a aqueles que as alentan a seguir na procura da propia dignidade e do dereito a superar o sucedido.

“Intensas”

Ana Requena Aguilar. Roca Editorial (2023)

Algo (malo) pasa cando nos chaman intensas ou cando nos sentimos como tales. Especialmente cando nolo din homes, especialmente cando tantas mulleres relatan malestar ao ser interpeladas con esa palabra. É un malestar difuso pero ao mesmo tempo moi asociado a accións como pedir, sinalar, enfadarse, queixarse, mostrar emocións, sentir, poñer límites. Parece pertinente preguntarse se detrás desa palabra algo escorregadiza –non ten a priori ningunha connotación negativa– construíuse un relato que serve para facernos sentir mal, para cuestionarnos. O ‘intensa’ móstranos amablemente onde están os límites e que sucede se os cruzas.

“Solterona”

Kate Bolick. Malpaso Ediciones (2016)

Tan atractivo como difícil de clasificar, Solterona é un libro que explora en primeira persoa e denuncia sen piedade as cuestións que foron consideradas claves da realización feminina por parte da sociedade patriarcal. O matrimonio, a vida profesional, a maternidade… Todas estas situacións marcan a vida das mulleres e en ocasións lástranas para levar adiante unha vida creativa e profesional rica e equiparable á dos homes.

“Una entre muchas”

Una. Astiberri (2016)

Unha entre moitas explora a violencia de xénero, a vergoña e a responsabilidade social, cun suceso nacional como pano de fondo e desde a perspectiva dunha experiencia persoal traumática. Una pregúntase que significa educarse nunha sociedade na que a agresión machista non é cuestionada, e denuncia unha cultura mundial que esixe que as vítimas da violencia paguen o seu prezo.

“Más que cuerpos”

Susana Martínez Gijón. Anantes (2015)

A autora revisa o xénero policial desde unha perspectiva feminina e social na que se abordan sen reservas o racismo, a homofobia, os novos modelos de familia ou os crimes de xénero durante un caso de violencia doméstica que oculta moito máis do que as aparencias suxiren.

Ensaios e estudos

“Papá, por que non pintas as unllas de cores? Educando (construíndo) masculinidades disidentes”

Jorge García Marín. Editorial Galaxia (2019)

Non se nace home ou muller. Apréndese a ser home ou muller. No caso concreto dos homes, aprendemos a ser, ademais, machos, a desenvolver unha serie de roles e de comportamentos que, a estas alturas do século XXI, convén revisar en detalle. Neste libro, Jorge Marín reflexiona sobre a necesidade de deconstruír esa educación que nos fai homes desde unha nova perspectiva, feminista e integradora. Desde a educación formal, os videoxogos, a literatura, os medios de comunicación. Desde mil ámbitos se nos constrúe como homes tradicionais dunha sociedade que debe deixar de ser tradicional.

“Íbamos a ser reinas”

Nuria Varela. Ediciones B (2017)

Percorrido polas causas da violencia machista; como a soportan as propias mulleres e que mecanismos sociais, educativos, legais e relixiosos actúan como cómplices eficaces que impiden acabar con este problema. Contén ademais testemuños de mulleres que sufriron esta experiencia. Un clásico sobre a violencia de xénero actualizado nunha edición revisada e actualizada que inclúe ademais un novo capítulo sobre violencia contra adolescentes e menores de idade.

“El amor en la sociedad del riesgo. Una tentativa educativa”

Jesús Gómez Alonso. El Roure (2004)

Quen atrae as adolescentes e por que? Como inflúe a atracción nas súas vidas, nas súas ilusións, alegrías,  penas, decepcións, mesmo nos malos tratos e as enfermidades? Como conseguir que non lles atraian quen despreza ou maltratan? Este estudo científico do amor amosa un mundo moitas veces ignorado polas adultas pero intensamente vivido polas nosas e os nosos adolescentes, constituíndo unha das principais e máis deconocidas chaves das súas vidas, Xunto ás principais teorías sociais sobre o amor, aparecen as voces de mozas que falan como nunca o farían diante dos seus pais, nais ou profesorado.