Literatura xuvenil
Corredora
María Reimóndez. Xerais (2017)
“Corredora” é una novela que narra a historia de Genet Mullugueta, unha moza etíope cuxa paixón por correr se converte no seu refuxio e nunha ferramenta de resistencia fronte ás adversidades da súa vida. Debido ás consecuencias da guerra e da fame, así como por mandato do seu pai, Genet debe pedir esmola e a acompañar á súa nai así. Será vendendo en Addis Abeba onde coñecerá a Abebe, un médico e voluntario da federación de atletismo, e trala proposición de adestrar na súa federación, será cando a súa vida se transforme. Deste xeito, Reimóndez tenta amosarnos en “corredora” unha historia colectiva de superación deportiva, así como a memoria da tradición no atletismo de Etiopía, onde o deporte pode ser tamén un vehículo de transformación social e de empoderamento feminino.
Palabras envenenadas
Maite Carranza. Edebé (2010)
Trátase dun thriller que aborda a desaparición de Bárbara Molina, una moza que leva máis de catro anos sen aparecer. A novela, que transcorre nun só día, e se narra a través de diferentes personaxes, revela segredos escuros, mentiras e manipulacións que arrodean o caso, ao mesmo tempo que expón con crueza temas como o abuso, a violencia machista e a hipocrisía da sociedade. Grazas a un ritmo vertixinoso, Carranza invítanos a reflexionar sobre as dinámicas do poder e o impacto do silencio nas vítimas.
Fóra de campo
Rosalía Fernández Rial. Galaxia (2024)
En “fóra de campo” cóntasenos a historia de Nere, unha moza adolescente, deportista e sen moitos seguidores nas redes sociais. A súa vida cambia no momento en que aparece Gladius, un influencer admirado pola comunidade e que a vai posicionar no “reino das elixidas”.
A través desta novela podemos descubrir como as redes sociais modelan a identidade da mocidade, se ven tamén nos atopamos con valores tales como a sororidade e o empoderamento das mulleres.
Nada menos que Max
Diana de Paz. Espasa (2020)
“Nada menos que Max” adéntrase na historia de Clara, que, tralo maltrato psicolóxico exercido polo seu anterior mozo, acaba deixando a relación, e agarda namorarse outra vez, procurando, ademais, formar unha familia. É nese momento cando coñece a Max, o cal, a pesar de que Clara se namora e cre que a súa relación ten tódolos ingredientes para que sexan felices, comezan a saltar as súas alarmas internas. Mentres tanto, Carmen, unha das súas amigas, comeza a falarlle de feminismo, xénero e patriarcado, e se ben inicialmente se amosa indiferente ante estas cuestións, Clara remata por transformarse nunha persoa nova, que loita polos dereitos e a liberdade das mulleres.
Non temerás os coches amarelos
Marta Villar. Xerais (2022)
“Non temerás os coches amarelos” profunda na vida de Dina Souto, unha moza que traballa nun xornal, á que asolagan constantemente vivencias da súa infancia. Concretamente, cóntasenos como sendo cativa presencia un asasinato, que se suma á pertenza a unha entidade secreta.
En “non temerás os coches amarelos” podemos presenciar a militancia perseverante de Dina contra o machismo. Todo elo contado a través dos constantes contrastes que acompañan a historia, e a cabalo entre a Galicia rural e a urbana, onde se evidencia a violencia no rural, á vez que se entrecruzan moitas vivencias que son postas por escrito cada día no xornal.
Romper el círculo
Colleen Hoover. Planeta (2022)
Lily Bloom é una moza emprendedora que loita por superar un pasado marcado pola violencia de xénero a mans de seu pai. Cando coñece a Ryle Kincaid, un neurocirurxián encantador, semella atopar o amor perfecto. Sen embargo, a súa relación tórnase complicada cando Ryle amosa un lado escuro. A medida que Lily enfronta decisións difíciles, o regreso do seu primeiro amor, Atlas Corrigan, engade máis tensión á súa vida.
A novela aborda temas profundos coma o abuso, o amor e a resiliencia, amosando o poder de romper patróns tóxicos e elixir un camiño diferente.
A pioneira
Héctor Pena. Xerais (2023)
“A pioneira” sitúanos na Coruña do século pasado para contarnos a historia de Ester, moza á que lle gusta o futbol pero é sancionada socialmente, xa que lle chaman “marimacho”. Mais o certo é que a pesar das críticas, Ester está disposta a loitar contra todo e contra todos.
A Guerra Civil e a represión do franquismo non será un escollo sinxelo de superar debido ao perfil de disidente que vían as autoridades en Ester. Mais o que nos amosa a “pioneira” é unha historia tamén de resistencia e sororidade entre mulleres diversas, que non están dispostas a que nada nin ninguén freen a súa vida.
La chica del hielo
Andrea Tomé. Crossbooks (2021)
Carmen é unha moza de dezasete anos á que lle agarda un futuro brillante no patinaxe sobre xeo. Tras viaxar a Toronto para dedicarse á disciplina artística de maneira profesional, é adestrada por Feliks, que a ve como a favorita para participar nos campionatos mundiais. Unha das noites posteriores ao adestramento, Feliks agrídea sexualmente, e será a partir dese momento cando Carmen se plantexe se debe ou non contalo, e se de verdade van a crer no seu relato.
A través de “la chica del hielo”, Andrea Tomé pon en relevancia numerosas problemáticas que arrodean ao padecemento de violencias machistas, entre as que se atopan o feito de contar o acontecido como tema tabú, así como os trastornos mentais e alimentarios que enfronta a protagonista tralo feito de vivenciar violencia sexual.
O diario violeta de Carlota
Gemma Lienas. Galaxia (2011)
“O diario violeta de Carlota” é unha novela que comeza cando Carlota, unha moza adolescente curiosa, recibe da súa avoa un diario violeta. Este invítalle a reflexionar e rexistrar as situacións de desigualdade e machismo que observa ao seu arredor. A medida que vai escribindo, Carlota descobre como os estereotipos de xénero, a linguaxe sexista e a discriminación están presentes na súa vida cotiá.
Cun ton educativo e entretido, o libro promove a reflexión sobre a igualdade de xénero e anima ás persoas mozas a cuestionar as normas sociais dende unha perspectiva feminista.
A filla do ladrón de bicicletas
Teresa González Costa. Xerais (2011)
A través de “a filla do ladrón de bicicletas asistimos á historia de Serafina, filla dun ladrón de bicicletas que vive coa súa tía nunha vila mariñeira. O seu soño vital é ser equilibrista nun circo grazas a Celerífera, a bicicleta coa que consegue abraiar á xente. Convertendo tamén á bicicleta en protagonista e fío condutor da historia, “A filla do ladrón de bicicletas” fálanos de mandatos de xénero impostos pola sociedade, pero tamén da violencia estrutural que impide ás mulleres ter igualdade de oportunidades.
Las durmientes
Nando López. Santillana Educación (2023)
A través de “las durmientes” adentrámonos na historia de Chloe, unha moza de dezaseis anos que aparece espida nun descampado, e que, unha vez recupera a consciencia, descobre no seu móbil un vídeo onde se ve durmida e drogada. A raíz desta situación, os medios de comunicación empezan a cubrir o suceso, e debido a esta visibilidade, comezan a xurdir denuncias de máis persoas que pasaron pola mesma situación. Entre os periodistas que se fan eco das noticias, atópase Gael, un bolseiro dun xornal que naceu no mesmo pobo onde acontecen os feitos. Ademais de tentar cubrir o acontecido con rigor, pretende que se faga xustiza neste caso, xa que cando era adolescente, a súa amiga Vega tamén foi secuestrada na mesma localización onde lle ocorreu a Chloe.
Entre os temas que subxacen en “las durmientes” están as agresións sexuais, os asaltos á intimidade a través de redes sociais, ou as consecuencias sociais da cultura da violación.
El lunes nos querrán
Najat El Hachmi. Destino (2021)
“El lunes nos querrán” de Najat El Hachmi cóntanos a historia dunha moza que reflexiona sobre a súa experiencia como muller e inmigrante en España, onde debe enfrontarse a condicionantes de xénero, clase social e orixe. A través da relación coa súa familia, a protagonista enfróntase ás expectativas tradicionais da súa comunidade, que limitan as súas liberdades e aspiracións. A novela é unha crítica á opresión das mulleres en contextos migratorios, onde destaca o alto prezo a pagar por vivir con liberdade e autonomía.
Womanhaus. Historia ilustrada das artistas da Bauhaus
Dakota Hernández. Bululú (2023)
A través de “Womanhaus. Historia ilustrada das artistas da Bauhaus” asistimos á historia dunha escola que en dúas décadas se estableceu como un referente crucial no desenvolvemento de diversas disciplinas artísticas, e cuxas influencias foron empregadas por moitas persoas profesionais de campos relacionados coa creatividade. Non obstante, e grazas a Dakota Hernández amósasenos a cara oculta do relato, no que mulleres artistas foron menosprezadas, invisibilizadas e tratadas desigualmente polos seus conxéneres, así como pola sociedade. Porén, este libro nace para facer un tributo a aquelas mulleres cuxos ideais artísticos, pero tamén sociais, eran rompedores para a época.
Sueñan con ser como nosotras
Jessica Goodman. Nube de Tinta (2022)
“Sueñan con ser como nosotras”segue a Jill Newman, unha estudante dunha escola de elite, tres anos despois de que a súa mellor amiga, Sheila, fose asasinada a mans do seu mozo. E se ben el confesara no seu momento e o caso estaba pechado, comeza a recibir mensaxes que defenden a súa inocencia. Ademais, mentres Jill explora a realidade que se agocha trala morte de Sheila, vese atrapada nun ambiente de mentiras e rivalidades.
En “sueñan como nosotras” explóranse temas como a violencia machista, a competencia entre mulleres e as expectativas sociais, amosando como o control e manipulación masculina xogan un papel importante nas vidas das mozas do círculo social ao que pertencen.
Como tú: 20 relatos + 20 ilustraciones por la igualdad
Fernando Marías (coord.). Anaya (2019)
Trátase dunha compilación de relatos e ilustracións dirixidos á poboación adolescente e que pretenden sensibilizar en torno á desigualdade de xénero existente na actualidade, poñendo o foco na educación como ferramenta de transformación social. A través de vinte autores e outros vinte ilustradores, evidéncianse diferentes violencias machistas, onde a óptica feminista se converte no motor básico que impulse unha igualdade de xénero efectiva.
Moxie. La Revolución de las chicas
Jennifer Mathieu. Editorial Planeta (2018)
Vivian Carter, unha rapaza tímida dun pobo de Texas, está farta do ambiente machista da súa escola, onde os homes teñen privilexios mentres que as mulleres son constantemente acosadas. Inspirada polo espírito feminista da súa nai, Vivian crea de forma anónima un fanzine chamado Moxie, que denuncia as inxustizas e anima ás mozas a unirse para desafiar o sistema. O que comeza coma un acto solitario convértese nun movemento que una ás estudantes para enfrontar o machismo e reclamar os seus dereitos, amosándolles o poder da sororidade.
Tal como era
Amber Smith. Roca (2023)
A novela “Tal como era” céntrase na historia de Eden, unha moza que é agredida sexualmente, que nos conta as consecuencias posteriores á agresión. Para isto, o libro divídese en catro seccións, en cada unha das cales se narra un ano escolar diferente, feito que permite ver que os traumas non desaparecen por arte de maxia. Entre outras cuestións relevantes, “tal como era” tamén toca outros aspectos moi relevantes desencadeados pola violencia sexual, tal e como son as repercusións a máis persoas das directamente involucradas, como se vai transformando o xeito no que nos relacionamos coas persoas que nos arrodean, ou como se segue a perpetuar a violencia con posterioridade. A través dunha narración dura e honesta, Amber Smith amósanos que tódalas emocións son válidas, e que relatos como o de Eden merecen ser narrados.
La vida secreta de las abejas
Sue Monk Kidd. B de Bolsillo (2020)
Na Carolina do Sur dos anos 60, Lily Owens, unha moza marcada polo asasinato da súa nai, fuxe do seu violento pai xunto con Rosaleen, a súa coidadora e figura materna. Na súa viaxe, chegan á casa das irmás Boatwright, tres mulleres afroamericanas que crían abellas e producen mel. Alí, Lily descobre un mundo cheo de amor, sabedoría e sanación, mentres que se enfronta aos segredos do seu pasado e ao racismo da época. A novela explora temas como as dinámicas de poder segundo os condicionantes de xénero e clase, a sororidade, a procura da identidade e a capacidade do amor para transformar vidas.
El porno no mola
Anna Salvia e Cristina Torrón. Montena (2024)
A través de “el porno no mola” asistimos a unha necesaria reflexión sobre o peso da pornografía na sociedade e ás consecuencias que pode ter o consumo en idades tan sensibles como a adolescencia. Debido a que se trata dun consumo cada vez máis temperá e popular, Anna Salvia e Cristina Torrón (Menstruita) tentan explicarnos por que “o porno non mola” e ofrecen ferramentas para que non se converta nun educador sexual.
Mujercitas
Louisa May Alcott. Austral (2019)
“Mujercitas” de Louisa May Alcott segue a vida das irmás March (Meg, Jo, Beth e Amy) mentres medran en Nova Inglaterra durante a Guerra Civil estadounidense. Ao longo da novela, as irmás enfrontan dificultades económicas e teñen que loitar contra as expectativas sociais machistas da época, xa que limitan as súas aspiracións e promoven uns roles de xénero moi marcados. Mais a pesar disto, cada unha loita con atopar o seu camiño. A través de “mujercitas” explórase o amor familiar, a resistencia das mulleres e a procura da liberdade nun mundo cheo de restricións. E se ben se trata dunha novela orixinalmente publicada en 1868, segue a ser unha fonte de inspiración e desfrute para diversas xeracións de persoas lectoras.
Nenas e nenos
Aingeru Mayor e Susana Monteagudo. Litera Libros (2020)
No mundo hai moitas nenas e moitos nenos. Milleiros de millóns. E non hai dous que sexan iguais. Cada unha, cada un, é unha nena ou un neno á súa maneira. Hai quen leva o pelo longo e quen o leva curto. Quen leva pendentes e quen non. Moitas nenas vístense de princesas e algúns nenos tamén. E hai nenas que se disfrazan de piratas, como moitos nenos. Cada nena é unha nena ao seu xeito. Cada neno é un neno ao seu xeito. E que bonito é que cada unha, que cada un, poida ser como é!
Epílogo: “Ideas básicas para comprender os feitos de diversidade sexual”.
¡BASTA! Guía de autodefensa feminista para adolescentes (y más…)
María Kronsky e Marion Le Muzic. Litera Libros (2022)
Ser muller nesta sociedade implica enfrontarse regularmente a comportamentos machistas. Como identificar e afrontar esas condutas? Neste cómic as adolescentes (e máis…) atoparán un conxunto de técnicas para sentirse máis preparadas, libres e seguras: posturas corporais, defensa verbal, o xiro de cento oitenta graos, a intervención paradoxal, a defensa física… En definitiva, diferentes ferramentas para axudarlles a sentirse máis libres e seguras, tanto nos espazos públicos como na esfera privada.
Tu cuerpo es único y es extraordinario ¡Aprende a quererlo!
Jessica Sanders e Carol Rosseti. RBA Libros (2020)
A falta de autoestima e a presión provocada polos modelos de beleza irreais afectan a saúde física e mental das adolescentes. Jess Sanders pregúntase como sería o mundo se as nenas crecesen queréndose e explícao nun libro influenciado pola funcionalidade corporal, a teoría feminista e o movemento body positive. O teu corpo é único anima a nenas e mozas a admirar os seus corpos, gozar de todas as cousas marabillosas que poden facer, lembrando que son moitos máis que eses corpos.
Quiero ser una caja de música. Violencias machistas en la juventud adolescente
Varias autoras. Eolas Ediciones (2016)
O proxecto Quiero ser una caja de música, promovido pola Fundación Fondo Internacional de las Artes, a través da profesora Marifé Santiago, trata de que dez creadoras escriban cartas sobre a violencia de xénero, dirixidas ao alumnado adolescente. O profesorado de diversos institutos de todo o territorio español fixo non só de mensaxeiro desas misivas. Nos clubes de lectura dos centros escolares, leron, analizaron e comentáronas de modo que os alumnos e alumnas que así o decidiron, escribiron á súa vez cartas de resposta e enviáronas á Fundación.
Leñadoras
Brooke A. Allen, Grace Ellis, Noelle Stevenson, Shannon Watters. Random House Mondadori (2016)
Serie gañadora dos Premios Eisner nas categorías de Mellor Serie Nova e Mellor Serie Adolescente. Cinco amigas pasan o verán de campamento desafiando yetis hipsters, lobos de tres ollos e falcóns xigantes mentres resolven misterios. Son mozas duras e non están dispostas a que seres sobrenaturais de calquera tipo lles estraguen a festa. Jo, April, Mal, Molly e Ripley son as Leñadoras, exploradoras guerreiras, divertidas e un pouco cínicas.