Durante o mes de novembro de 2020 compartimos tres pílulas de formación sobre violencias machistas, desde diferentes olladas. As diferentes profesionais que participaron desta actividade trasladaron, desde a súa experiencia profesional, as súas impresións sobre a normalización da violencia de xénero e sexual na mocidade, as ciberviolencias machistas, e a representación da violencia de xénero nos medios de comunicación.

A normalización da violencia de xénero e sexual na mocidade

A normalización e mesmo naturalización das relacións de poder desiguais de xénero desde a infancia é chave para a reprodución do sistema heteropatriarcal. Ao tempo, a nosa sociedade e as súas diversas mensaxes (no ámbito da familia, na escola, nos medios, nas redes, na pornografía, etc.) rematan por conformar e consolidar aprendizaxes de ríxidos modelos de relación de dominación e submisión, de comportamentos relacionados coas violencias cotiás ou de “baixa intensidade”, etc.

Con Vanessa Rodríguez Pousada: Psicóloga Xeral Sanitaria, Psicopedagoga e Sexóloga. Profesora Colaboradora no Máster de Psicopedagoxía da UOC. Membro fundadora de ASEIA  e vicepresidenta de Sogasex. Conta cun longo percorrido na intervención terapéutica e na educación sexual na infancia, adolescencia e nas familias.

De que falamos cando falamos de ciberviolencias machistas?

Ao tempo que as relacións desiguais de xénero teñen o seu espazo no mundo físico e real, tamén levan tempo trasladándose ao mundo virtual, polo que tamén é preciso prestar atención ao desafío de como mudar este modelo, fomentando que mulleres e homes se relacionen a través das tecnoloxías da información dun xeito saudable e respectuoso.

Con Sara Vierna Fernández: Educadora social experta en igualdade de xénero e educación emocional. Máster en Xénero e Políticas de Igualdade da Universitat de València no que se especializou na área de investigación, polo que obtivo I Premio de igualdade Olga Quiñones da mesma universidade co traballo “Neoprincesas de tocador”. Posgrao de Educación Emocional e  Coaching Educativo na Universidade da Coruña. Desde entón continúa a súa formación profesional neste eido sempre desde unha perspectiva feminista. Na actualidade fórmase en comunicación non violenta, mindfulness e integración relacional.

Desde o 2012 desenvolve o seu traballo como formadora e consultora en igualdade e educación emocional deseñando proxectos e impartindo formacións para previr as violencias machistas en infancias, adolescencias, ANPAS, profesionais e outras entidades públicas e privadas que desexen incidir nos procesos de empoderamento, igualdade, equidade humana e desenvolvemento persoal.

As representacións da violencia de xénero nos medios de comunicación

Os medios de comunicación teñen unha enorme importancia como axentes socializadores e responsables da produción e reprodución de estereotipos de xénero, polo que nesta palestra abordaremos a urxencia de incorporar á comunicación unha mirada feminista.

Con Ana Sanmartín López: Licenciada en Ciencias da Información pola Universidade de Santiago de Compostela, iniciou a súa andaina profesional na prensa escrita, no xornal La Voz de Galicia, pero desde hai xa 25 anos centrou a súa traxectoria no xornalismo audiovisual. Comezou a traballar en 1995 na Televisión de Galicia. Desde entón, tanto na sección de Informativos como na redacción de Programas, foi guionista, presentadora, editora e desempeñou outros cargos e responsabilidades.

No ano 2005 entrou en contacto co feminismo a través da serie documental Muller, para a Televisión de Galicia, da que foi guionista. A partir de aí comeza outra faceta profesional na militancia dun xornalismo con perspectiva de xénero, dirixindo as series documentais “Lo que la verdad esconde: El caso Asunta” (2016), e “El caso Alcàsser” (2019). Ten participado como relatora en numerosos congresos e seminarios, desde o 1º Congreso Internacional contra a Violencia de Xénero, celebrado en Santiago de Compostela no ano 2011, até a Xornada sobre Violencia Sexual do Consello da Cultura Galega, en novembro de 2019. É integrante de Xornalistas Galegas desde os inicios da asociación, en xullo de 2018.