Con motivo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, desde a Área de Igualdade da Deputación da Coruña ponse en marcha DE FRONTE á violencia de xénero, unha campaña e programa de actividades que apela directamente a implicación dos Concellos da provincia, estendendo o chamado á acción a calquera outra entidade do tecido social, educativo e empresarial, familias, etc.

Tal e como se establece no Plan de acción das políticas de igualdade de xénero da provincia da Coruña (2019-2023), na súa medida 2.1.1, a Deputación traballará na “creación dunha rede de Concellos pola igualdade e contra as violencias machistas na provincia da Coruña”. É desde este marco desde o que se pon en marcha este proxecto de ámbito provincial con vocación de continuidade, co  principal obxectivo de fomentar unha rede de colaboración estable entre administracións locais sensibles e  activamente comprometidas coa igualdade e a erradicación  da violencia de xénero, xerando sinerxías entre elas, coa propia Deputación e co conxunta da sociedade.

Por outro lado o Plan tamén establece na súa sexta área estratéxica a necesidade de continuar o traballo no “fomento dunha sociedade libre de violencias machistas” nun sentido amplo. Así, a posta en marcha deste proxecto vai acompañada da publicación nesta páxina web e nas redes sociais da Deputación dunha serie de actividades e recursos en liña en torno á conmemoración anual do 25 de novembro, cumprindo deste xeito coa medida 6.1.1. do devandito plan.

Do mesmo modo, a xeración dun espazo de encontro e traballo colaborativo xunto coa creación dunha serie de recursos accesibles e significativos para afondar nas causas e solucións a esta problemática alíñase coa medida 6.2.1., de xeración dun espazo de formación en liña e para o intercambio de información entre profesionais de diferentes ámbitos, ampliando tamén a oferta de recursos e actividades socioculturais atravesadas por unha mirada feminista.


O teu concello ou entidade quere asinar e apoiar a campaña? Preme aquí.


Concellos e entidades adheridas

Consulta aquí a listaxe completa de Concellos e entidades adheridas.