Rematou o mes de novembro, e xa fican atrás as diferentes actividades de conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Mais a violencia contra as mulleres, nas súas diferentes formas, aínda está aí. Atendendo aos datos de feminicidios cometidos nos últimos anos podemos afirmar que aínda resta moito traballo por facer. E especialmente este ano, marcado polas consecuencias da pandemia mundial da COVID-19, no que resulta esencial atender ao impacto que as limitacións impostas teñen nas mulleres que están a vivir en situación de violencia, convivindo cos seus agresores.
Desde esta consciencia chegamos ao final da campaña DE FRONTE á violencia de xénero, impulsada pola Área de Igualdade da Deputación da Coruña. Vaia por diante o agradecemento a todas as persoas que o fixestes posíbel, especialmente a todos os Concellos e entidades adheridas: 84 Concellos e 64 entidades de todo tipo, desde centros educativos a ANPAs, asociacións culturais, empresas, etc., que acollestes esta iniciativa como propia, aumentando o seu alcance e capacidade de sensibilización. Acompañamos estas liñas cunha galería coas imaxes que nos fixestes chegar, mostra de como a mensaxe da campaña se espallou por todo o territorio da provincia da Coruña.
Grazas pola vosa vontade de unir forzas e traballar de forma coordinada rachando co silencio e apostando pola sensibilización da sociedade e a prevención, contribuíndo á toma de conciencia sobre a magnitude da violencia contra as mulleres, e as consecuencias que ten nas súas vidas e na das súas fillas e fillos.
Desde a Deputación da Coruña reafirmamos aquí o noso compromiso para continuar traballando na creación e dinamización dunha rede de entidades sensíbeis e comprometidas coa igualdade e na erradicación da violencia de xénero, fomentando a creación de sinerxías entre elas, coa Deputación da Coruña, e coa sociedade no seu conxunto.
Por último, grazas tamén a todas as que compartistes connosco a vosa arte, os vosos coñecementos, os vosos poemas e a vosa voz.
Rematou novembro, pero DE FRONTE non para!
Concello de Aranga Concello de Ares Concello de Bergondo Concello de Betanzos Concello de Camariñas Concello de Culleredo Concello de Culleredo Concello de Dumbría Concello de Irixoa Concello de Mesía Concello de Monfero Concello de Muros Concello de Narón Concello de Rois Concello de Vilasantar Deputación da Coruña