Series, filmes e documentais que abordan diferentes violencias machistas

Os recursos audiovisuais son ferramentas moi poderosas para visibilizar as diferentes formas de violencia machista, ofrecendo profundas reflexións sobre as súas causas, consecuencias e posibles solucións. A través de narrativas diversas, estras producións tentan expoñer realidades que moitas veces permanecen invisibles ou silenciadas. Nesta listaxe reúnense filmes, documentais e series que abordan este tema dende perspectivas variadas, xa sexa explorando historias de resistencia, denunciando inxustizas contra as mulleres ou promovendo a conciencia social sobre igualdade de xénero.

Filmes

O Corno

“O corno” é un filme dirixido por Jaione Camborda. Ambientada na Illa de Arousa en 1971, a trama segue a María, unha muller que se gaña a vida como mariscadora e é coñecida na illa por asistir a outras mulleres nos procesos de embarazo e parto, con especial dedicación e coidado. Tras un suceso inesperado, María vese obrigada a fuxir polas rutas do contrabando cara Portugal, loitando pola súa liberdade nunha contorna hostil. Unha peza audiovisual onde se reflexan de maneira moi aguda diferentes violencias contra as mulleres.

Dispoñible e Movistar+. Ano 2023.

Matria

“Matria”, dirixida por Álvaro Gago, está baseada na súa curtametraxe homónima de 2017. A historia segue a vida de Ramona, unha muller traballadora dun pobo pesqueiro, que se atopa atrapada nun ciclo de violencia estrutural. A pesar do seu esforzo constante, a súa xornada laboral precaria nunha fábrica e as tensións no seu fogar, mantéñena nun estado de esgotamento constante. O filme retrata a súa loita diaria por recuperar o control da súa vida e atopar un anaco de esperanza nun entorno que parece deseñado para esmagala.     

Dispoñible na web da Galega (de balde aquí) e en Movistar +. Ano 2023.

Te doy mis ojos

Dirixida por Icíar Bollaín, “te doy mis ojos” é un intenso drama que aborda a violencia machista. A película narra a historia de Pilar, unha muller que escapa co seu fillo da relación de maltrato que ten co seu marido, Antonio. A medida que tenta reconstruír a súa vida, Antonio promete cambiar e asiste a terapia, pero as tensións e dinámicas do abuso persisten. A través dunha mirada íntima e conmovedora, o filme explora as complexidades do amor, o medo e o ciclo da violencia de xénero.

Dispoñible en Netflix. Ano 2003.

Noche de fuego

“Noche de fuego” é un drama conmovedor que retrata a infancia de tres nenas nunha comunidade rural de México, afectada pola violencia do narcotráfico. Para sobrevivir, as nenas son adestradas polas súas nais para esconderse e parecer invisibles ante o constante perigo. Neste entorno hostil, a película explora a violencia contra as mulleres, a perda da inocencia e a resistencia feminina, así como dos lazos profundos que as protexen fronte a unha realidade devastadora. Adaptada da novela “Prayers for the Stolen” de Jennifer Clement, é unha homenaxe ás persoas que viven baixo a demanda constante de diferentes tipos de violencia.

Dispoñible en Netflix. Ano 2021.

Eles transportan a morte

“Eles transporten a morte”, dirixida por Samuel M. Delgado e Helena Girón, é unha película que entrelaza dúas narrativas paralelas ambientadas en 1492. Por unha banda, tres homes que formaban parte da tripulación de Cristóbal Colón foxen ás Illas Canarias, levando consigo unha vela da embarcación nun intento de escapar das súas condenas. Paralelamente, no “Vello Mundo”, unha muller emprende unha viaxe desesperada por salvar á súa irmá moribunda, coa esperanza de que unha curandeira poida axudala. O filme foi recoñecido polo seu enfoque crítico cara a colonización e a súa representación da resistencia feminina fronte ás adversidades históricas.

Dispoñible na web da Galega (de balde aquí) e en Filmin. Ano 2021.

Chinas

Dirixida por Arantxa Echeverría, “Chinas” segue a dúas mozas de orixe chinesa que viven en Madrid e enfrontan violencias culturais e sociais. Lucía e Xiang loitan co racismo, coa hipersexualización, coa discriminación e coas expectativas familiares, mentres intentan atopar o seu lugar nunha sociedade que as exclúe. A película destaca como as estruturas de violencia, tanto visibles como invisibles, afectan profundamente ás súas identidades  e o seu proceso de integración.

Dispoñible en Movistar +. Ano 2023.

La Virgen Roja

Trátase dun drama baseado en feitos reais e dirixido por Paula Ortiz que explora a complexa relación entre Aurora Rodríguez Carballeira e a súa filla Hildegart (unha moza prodixio, coñecida pola súa brillantez intelectual, o seu activismo político e social) durante a Segunda República. Aurora, unha fervente defensora da euxenesia, concibe a Hildegart co propósito de crear á muller do futuro, educándoa estritamente para ser un referente na revolución sexual e feminista dos anos 30. A medida que Hildegart acada a maioría de idade, comeza a experimentar a liberdade de cuestionar o control materno. A crecente independencia de Hildegart provoca en Aurora un temor obsesivo a perder o control sobre o seu “proxecto”, levando a relación entre nai e filla a un desenlace tráxico.

Dispoñible en Prime Video. Ano 2024.

Bessie

“Bessie”, dirixida por Dee Rees, é unha biografía da lendaria cantante de blues, Bessie Smith. A película narra o seu ascenso dende as súas humildes orixes no sur dos Estados Unidos ata converterse nunha das artistas máis influentes da música nos anos 20. A través da súa vida, explóranse os desafíos que enfrontou como muller negra nun entorno racista e patriarcal, incluíndo as loitas polo recoñecemento no mundo da música e a súa sexualidade.

Dispoñible en Max. Ano 2015.

Invisibles

“Invisibles é unha película dirixida por Gracia Quejereta cuxa trama segue a Julia, Elsa e Amelia, tres amigas que se reúnen semanalmente para camiñar xuntas por un parque. O que comeza como unha actividade física, convértese nunha necesidade emocional, xa que durante estes paseos comparten confidencias, segredos e reflexións sobre as súas vidas. A medida que profundan nas súas conversacións, descobren que a amizade tamén implica enfrontarse a verdades incómodas e desafíos persoais. Coas maxistrais actuacións de Emma Suárez, Adriana Ozores, Nathalie Poza e Blanca Portillo, esta película trata con sensibilidade e enxeño temas como o acoso sexual, a discriminación de xénero e idade, e a importancia da sororidade.

Dispoñible en RTVE Play (de balde aquí). Ano 2020.

Figuras ocultas

“Figuras ocultas”, dirixida por Theodore Melfi, conta a historia real de tres mulleres afroamericanas, Katherine Johnson, Dorothy Vaughan e Mary Jackson, que traballaron na NASA durante a carreira espacial nos anos 60. A pesar de enfrontar o racismo e a discriminación de xénero, estas científicas fixeron contribucións cruciais para o éxito da misión que levou ao astronauta John Glenn ao espazo. A película destaca pola súa loita pola igualdade de dereitos nun entorno de traballo dominado polos homes brancos, subliñando a importancia do seu traballo e a súa valentía na superación de barreiras sociais e profesionais.

Dispoñible (de aluguer) en Apple TV, Rakuten e Youtube. Ano 2016.

El consentimiento

“El consentimiento” está baseada nas memorias de Vanessa Springora, quen, a unha idade temperá, foi vítima do abuso sexual por parte do escritor Gabriel Matzneff, un home maior que a manipulou e explotou durante anos. A película aborda as dinámicas de poder e consentimento nunha relación marcada polo abuso, a manipulación e a violencia psicolóxica, dentro dun contexto no que Matzneff era aclamado pola sociedade literaria. A través de “ el consentimiento” profúndase no proceso de “espertar” de Vanessa, a súa loita interna e a decisión de falar publicamente sobre o acontecido, denunciando a impunidade que o escritor desfrutou durante moito tempo.

Dispoñible en Filmin. Ano 2023.

En tierra de hombres

Dirixida por Niki Caro, “En tierra de hombres” narra a historia de Josey Aimes, unha muller que traballa nunha mina de ferro no norte de Minnesota. Cando se enfronta a un entorno laboral cheo de abuso sexual e fustrigación, decide loitar polos seus dereitos e denunciar á empresa. Ao longo da película, Josey convértese nunha figura clave na loita pola igualdade de xénero no entorno laboral, enfrontándose á discriminación e á cultura do silencio levada a cabo polos seus compañeiros e superiores. O filme explora a coraxe, a solidariedade e a loita das mulleres contra as estruturas patriarcais en ambientes laborais hostís.

Dispoñible en Prime video. Ano 2005.

Sufragistas

“Sufraxistas” narra a historia dun grupo de mulleres no Reino Unido a principios do Século XX que loitan por obter o dereito ao voto. A película segue a Maud Watts, unha moza obreira que se une ao movemento sufraxista tras ser testemuña das inxustizas que sofren as mulleres no seu entorno laboral. Ao longo do filme, Maud e outras mulleres, tales como Emmeline Pankhurst, enfrontan violencia, represión e sacrificios persoais mentres loitan polo seu dereito á participación política. “Sufraxistas”, dirixida por Sarah Gavron, é un retrato conmovedor e poderoso da loita pola igualdade de xénero e os dereitos civís.

Dispoñible en Prime Video. Ano 2015.

Joy

“Joy”, dirixida por Sudabeh Mortezai, é un drama austríaco que segue a Joy, unha moza nixeriana no ciclo do tráfico sexual en Viena. Para saldar as súas débedas e manter á súa familia en Nixeria, Joy traballa nas rúas. Baixo a supervisión da madame, a súa explotadora, Joy é instruída para guiar a Precious, unha adolescente recentemente chegada de Nixeria que enfronta a mesma realidade. A película ofrece unha mirada crúa e realista sobre a explotación sexual e a resiliencia das mulleres en situacións de alta vulnerabilidade.

Dispoñible en Netflix. Ano 2018.

Retrato de una mujer en llamas

Ambientada na Francia do Século XVIII, a película segue a Marianne, unha pintora encargada de realizar un retrato de Héloïse, unha moza aristócrata prometida en matrimonio a un home que non coñece. Héloïse, contra ese destino imposto pola súa nai e a sociedade, négase a posar, polo que Marianne debe observala en segredo e pintala sen o seu coñecemento. Neste contexto de illamento nunha illa remota, xurde unha intensa conexión entre ambas, desafiando as normas patriarcais que restrinxen as súas liberdades.

Dirixida por Céline Sciamma, a obra explora como as protagonistas se enfrontan ás opresións patriarcais da época: Héloïse, obrigada a casarse para cumprir un rol tradicional; Marianne, limitada como muller artista nun mundo dominado por homes. Ademais, o amor que desenvolven ámbalas dúas estará condenado ao silencio.

Dispoñible en Prime Video, Movistar + e Filmin. Ano 2019.

Cómo eliminar a su jefe (Nine to Five)

Dirixida por Colin Higgins, “Cómo eliminar a su jefe” é unha comedia que segue a tres empregadas dunha oficina, que están fartas de ser maltratadas polos seus xefes. Cada unha delas enfróntase a un trato abusivo por parte dos seus superiores, o que as leva a idear un plan para desfacerse deles de xeito permanente. Ao longo do filme, as tres personaxes vénse involucradas en situacións cómicas mentres tentan levar a cabo o seu “plan” e liberarse do xugo dos seus xefes. A película combina humor e crítica social, explorando temas como a desigualdade de xénero no ámbito laboral, o abuso de poder a camaradería feminina.

Dispoñible en Disney +. Ano 1980.

Yentl (Barbra Streisand)

“Yentl” é un drama musical baseado na obra de Isaac Bashevis Singer. Dirixida e protagonizada por Barbra Streisand, a película conta a historia de Yentl, unha moza xudía en Europa do Este que, debido ás restricións sociais do seu tempo, se disfraza de home para poder estudar a torá, algo prohibido para as mulleres. A medida que avanza os seus estudos e establece relacións con outros homes, Yentl enfróntase a dilemas sobre a súa identidade, o amor e as expectativas sociais. A película aborda temas de xénero, o desexo de empoderamento intelectual e a loita pola liberdade nunha sociedade patriarcal.

Dispoñible en Filmin. Ano 1983.

La vida inmortal de Henrietta Lacks

“La vida inmortal de Henrietta Lacks” está baseada no libro homónimo de Rebecca Skloot. A película, dirixida por George C. Wolfe, conta a historia de Henrietta, unha muller afroamericana cuxo cancro cervical foi tratado na década do 1950 sen o seu consentimento. As células do seu tumor, coñecidas como “células HeLa”, foron tomadas ante o seu descoñecemento, e foron empregadas para investigacións científicas que contribuíron a grandes avances médicos. A través da narración da súa filla Debora Lacks, a película aborda temas de ética médica, racismo e a explotación dos corpos das mulleres negras, mentres se loita pola xustiza e o recoñecemento do legado de Henrietta.

Dispoñible en Max. Ano 2017.

Chicas perdidas

“Chicas perdidas”, dirixida por Liz Garbus, é un thriller baseado en feitos reais que segue á periodista Jessica Noll, quen procura descubrir a verdade detrás dunha serie de asasinatos de mulleres novas en Long Island. Ao investigar o caso, Jessica enfróntase á corrupción, o encubrimento e a indiferenza das autoridades, mentres profunda nas vidas das vítimas, moitas das cales eran prostitutas. A película destaca a vulnerabilidade das mulleres que se atopan en situación de trata e explotación sexual, e critica as fallas do sistema xudicial na protección das persoas que son marxinadas pola sociedade.  

Dispoñible en Netflix. Ano 2020.

Documentais

Tódalas mulleres que coñezo

Trátase dun documental que explora as experiencias de diversas mulleres en relación co medo e a violencia no espazo público. A través de tres conversas interconectadas con amigas, colaboradoras e estudantes de secundaria, a directora Xiana do Teixeiro busca articular un discurso sobre o medo que non fomente o medo, e sobre a violencia que non resulte violencia.

Dispoñible na web da Galega (de balde aquí) e en Filmin. Ano 2018.

Mi nombre es clítoris

Dirixida por Daphné Leblond, “mi nombre es clítoris” é un documental que reúne a doce mulleres novas, de entre 20 e 25 anos, para compartir as súas experiencias e reflexións sobre a sexualidade feminina dende a infancia. Nun ambiente íntimo, cada unha diríxese á cámara, respondendo a preguntas sobre as súas primeiras sensacións, exploracións e obstáculos que se atoparon no seu camiño. O filme aborda temas como a educación sexual, o desexo feminino e a importancia da autonomía na vivencia da sexualidade.

Dispoñible en Filmin. Ano 2019

Dying to divorce

“Dying to divorce” é un documental dirixido por Chloe Fairweather que aborda a crise de violencia machista en Turquía. Filmada ao longo de cinco anos, esta peza segue a İpek Bozkurt, unha avogada comprometida en levar aos agresores ante a xustiza, enfrontándose a un sistema legal que a miúdo outorga sentencias leves aos perpetradores. A través de narrativas persoais, “Dying to divorce” ofrece unha visión crúa e profunda da loita polos dereitos das mulleres nunha Turquía contemporánea, onde as liberdades democráticas se viron erosionadas e as voces disidentes enfrontan crecentes represións.

Dispoñible en Filmin. Ano 2021.

A poeta analfabeta

“A poeta analfabeta” é un documental dirixido por Sonia Méndez que retrata a vida de Luz Fandiño, unha destacada poeta, activista feminista e nacionalista galega. A través do documental podemos penetrar nunha Luz que foi testemuña das realidades más duras do Século XX, enfrontando desafíos por ser muller, por ser emigrante, pobre e de ideoloxía esquerdista. O documental explora a súa traxectoria vital, o seu compromiso político e a súa obra poética, reflexando a súa profunda conciencia de identidade, lingua e xénero.

Dispoñible na web da Galega (de balde aquí). Ano 2020.

Siete inviernos en Teherán

Documental que narra a tráxica historia de Reyhaneh Jabbari, unha moza iraniana que, en 2007, defendeuse dun intento de violación apuñalando ao seu agresor. A pesar de evidencias de lexítima defensa, foi arrestada, acusada de asasinato e condenada a morte. Tras pasar sete anos en prisión, foi executada en 2014. Esta peza audiovisual baséase en testemuñas, cartas escritas por Reyhaneh dende o cárcere e vídeos proporcionados pola súa familia, ofrecendo unha visión profunda da súa loita e converténdoa nun símbolo de resistencia e de loita polos dereitos das mulleres en Irán.

Dispoñible en Filmin. Ano 2023.

Nación

“Nación”, dirixida por Margarita Ledo Andión, é un documental que reconstrúe a loita das traballadoras da fábrica de cerámica “Pontesa” en Vigo, pechada en 2001. Case vinte anos despois, un grupo de ex-traballadoras recorda o símbolo da súa liberdade individual. En “Nación” abórdanse temas como o feminismo, a clase social e a identidade nacional, ofrecendo unha reflexión sobre a memoria histórica e a resistencia das mulleres no ámbito laboral.  

Dispoñible en Filmin. Ano 2020.

Semillas de Kivu

“Semillas de Kivu” é unha curtametraxe documental dirixida por Néstor López e Carlos Valle, que se centra na rexión de Kivu (República Democrática do Congo), unha das zonas máis violentas do mundo. Alí, un grupo de mulleres chega ao Hospital de Panzi tras ser violadas en grupo polas guerrillas que controlan os recursos minerais da zona. O documental aborda o seu tratamento psicolóxico e o dilema ao que se enfrontan: aceptar ás crianzas nadas como resultado das violacións, atopando na maternidade unha forma de resistencia e esperanza.

Dispoñible en Filmin. Ano 2024.

Fíos Fóra. Historia de obreiras entre costuras e patróns.

Dirixido por Illa Bufarda, “Fíos Fóra. Historia de obreiras entre costuras e patróns” é un documental que explora a historia e as condicións laborais das mulleres galegas que traballaron no sector téxtil dende os anos 60. A través de testemuñas de ex-traballadoras, empresarios e obreiras en Marrocos, esta peza audiovisual analiza a evolución da industria téxtil en Galicia, a súa deslocalización e o impacto deste modelo industrial nas mulleres que foron a man de obra perfecta e cativa para levantar unha industria que agora se atopa deslocalizada. O documental tamén aborda temas como a feminización da pobreza, as condicións de explotación das traballadoras e as alternativas para un consumo responsable de roupa.

Dispoñible de balde en Vimeo (https://vimeo.com/193701763). Ano 2015.

Excluídas del paraíso

Trátase dun documental dirixido por Esher Pérez de Eulate que explora as raíces e manifestacións do sistema patriarcal na sociedade actual. A través de entrevistas con activistas, intelectuais e expertas en estudos de xénero, a película aborda como o patriarcado segue perpetuando a desigualdade, a violencia e a opresión cara as mulleres, incluso en contextos considerados como avanzados ou igualitarios. O documental analiza temas como a representación das mulleres nos medios de comunicación, a brecha salarial, o traballo doméstico non remunerado e as estruturas de poder que manteñen estas desigualdades. Cun enfoque crítico e reflexivo, “excluídas del paraíso” invita a cuestionar os privilexios e narrativas que sosteñen o statu quo, propoñendo un camiño cara unha sociedade máis xusta e igualitaria.

Dispoñible de balde Vimeo (https://vimeo.com/159691014). Ano 2016.

Las Sinsombrero

“Las Sinsombrero” é un documental que recupera a memoria das mulleres esquecidas na Xeración do 27 en España. Dirixido por Serrana Torres, Tània Balló e Manuel Jiménez, o documental emprega entrevistas, material de arquivo e reconstrucións para visibilizar o papel crucial de artistas e intelectuais como Maruja Mallo, María Teresa León e Rosa Chacel, quen desafiaron as normas sociais do seu tempo e deixaron un legado cultural fundamental.

Dispoñible en Filmin. Ano 2014.

El machismo que no se ve

“El machismo que no se ve” é un documental dirixido por Carol González Matas, emitido no programa de “Documentos TV” do canal La 2. A través de “el machismo que no se ve” explórase como o machismo, aínda que se atope camuflado, segue presente na cultura, os medios de comunicación e as relacións familiares, laborais e sociais na España do Século XXI. A través de talleres de teatro para estudantes universitarios en Málaga e charlas en institutos de secundaria en El Prat de Llobregat, o documental analiza como os estereotipos sexistas, a división sexual do traballo e o mito do amor romántico perpetúan condutas machistas que a miúdo pasan desapercibidas, especialmente entre adolescentes e persoas mozas. Ademais, cuestiónase por que unha parte desa xuventude, que creceu nun entorno máis propenso á igualdade de dereitos, non identifica estas condutas como machistas.

Dispoñible en RTVE Play (de balde aquí). Ano 2015.

Herederas

Trátase dunha curtametraxe documental dirixida por Silvia Venegas que rende homenaxe ás mulleres europeas que, a principios do Século XX, loitaron con valentía polos dereitos das mulleres, especialmente polo sufraxio feminino. Estas pioneiras desafiaron leis inxustas e fixeron máis sinxelo o camiño cara a igualdade de xénero. O documental conecta o legado feminista coas actuais mobilizacións de mulleres que continúan a reivindicar os seus dereitos e denuncian as violencias machistas.

Dispoñible en Filmin. Ano 2023.

El negocio de la píldora

“El negocio de la píldora” é un documental dirixido por Abby Epstein que examina a complexa relación entre os anticonceptivos hormonais e a saúde das mulleres. Deste xeito, investíganse os riscos asociados ao uso da píldora anticonceptiva, incluíndo os seus efectos secundarios e o legado racista vinculado á anticoncepción hormonal. Por outra banda, o documental tamén aborda como, durante os anos 60, a píldora permitiu a emancipación e a liberación da muller, marcando o comezo da revolución sexual. Sen embargo, na actualidade, os efectos secundarios cuestionan esta relación, e unha nova xeración procura alternativas á píldora.

Dispoñible en Filmin. Ano 2021.

Por ser mujer

Documental que explora a vida de dúas pioneiras do feminismo en Madrid durante o franquismo: a cantante Julia León e a profesora Luisa Postigo. A través dás súas testemuñas, esta peza retrata a súa evolución dende contornas familiares conservadoras -unha vinculada á falanxe española e a outra ao Opus Dei- ata converterse en activistas clandestinas do Partido Comunista de España e referentes do movemento feminista madrileño. O documental, dirixido por Mercedes Resino, ofrece unha visión da evolución sociocultural das mulleres dende os anos 50 ata a actualidade, destacando os desafíos e logros na loita pola igualdade de xénero.

Dispoñible en Filmin. Ano 2021.

No, no quiero

No, no quiero” é un documental dirixido por Belén Santos que aborda a problemática dos matrimonios forzados en España a través das experiencias de catro mulleres: Aya, Amy, Jamila e María. Cada unha delas, procedente de diferentes orixes culturais, comparte a súa experiencia de ter sido obrigada a casarse por imposición familiar e como lograron rebelarse contra esta práctica, enfrontándose ás súas familias e comezando unha nova vida en solitario. O documental ofrece unha visión profunda desta forma de escravitude, tipificada como delito no código penal español, e destaca a valentía das mulleres que se opoñen a estas imposicións.

Dispoñible en Filmin. Ano 2023.

¿Qué co#o está pasando?

Trátase dun documental de Marta Jaenes e Rosa Márquez á dirección, onde, a través de entrevistas con máis de 40 mulleres de diversos ámbitos -como a política, a cultura, a xustiza e o activismo- examínanse múltiples violencias machistas: a violencia de xénero, a prostitución, a pornografía, a publicidade sexista, o uso da linguaxe, a xestación subrogada, a idealización do amor romántico, a ausencia de mulleres nos libros de texto, etc. Ademais, tamén se terá presente o rexurdimento do movemento feminista no país. 

Dispoñible en Netflix. Ano 2019.

Sisters with transistors

“Sisters with transistors” é un documental dirixido por Lisa Rovner que explora a historia non contada das mulleres pioneiras na música electrónica. A través da súa narrativa, atopámonos con artistas visionarias tales como Clara Rockmore, Daphne Oram, Bebe Barron, Pauline Oliveros, Delia Derbyshire, Maryanne Amacher, Éliane Radigue, Suzanne Ciani, Wendy Carlos e Laurie Spiegel. A través das experiencias persoais e de material de arquivo, o documental amosa como estas compositoras atoparon nas máquinas un espazo de liberdade e creatividade que lles permitiu superar as limitacións impostas pola música tradicional dominada por homes.

Dispoñible en Filmin. Ano 2020.

Manipulación: Sexo, cámara, poder

Este documental, dirixido por Nina Menkes, examina como a linguaxe visual do cine perpetuou a cosificación e sexualización das mulleres, contribuíndo á discriminación e ao abuso na industria cinematográfica e na sociedade en xeral. A través de máis de 200 extractos de películas, Menkes ilustra como certas técnicas de encadre e narrativa reforzan estereotipos de xénero e dinámicas de poder desiguais.

Dispoñible en Filmin. Ano 2022.

Series

Querer

“Querer” é unha miniserie española de drama dirixida por Alauda Ruiz de Azúa e cuxa trama segue a Miren, quen, tras 30 anos de matrimonio e dous fillos en común, abandona o fogar e denuncia ao seu marido por violación continuada. Esta grave acusación obriga aos seus fillos a enfrontarse á seguinte decisión: crer á súa nai ou apoiar a un pai que defende a súa inocencia. A serie explora as complexidades da violencia sexual no ámbito familiar e as repercusións emocionais e xudiciais que conleva.

Dispoñible en Movistar +. Ano 2024.

Lorena

Trátase dunha serie documental dirixida por Joshua Rofé, que examina o caso de Lorena Bobbitt, quen en 1993 se converteu no centro de atención mediática tras cortar o pene do seu marido, John Wayne Bobbitt, despois de anos de abuso físico e sexual. A través de catro episodios, “Lorena” non só relata os detalles do caso e o xuízo que polarizou á opinión pública, senón que tamén analiza temas máis amplos como a violencia de xénero, o sensacionalismo mediático e o papel do xénero na sociedade. Con testemuñas das persoas involucradas e unha perspectiva contemporánea, a serie busca reformular a narrativa e explorar as profundas implicacións sociais do caso.

Dispoñible en Prime Video. Ano 2019.

548 días: captada por una secta

“548 días: captada por una secta” é unha miniserie documental que narra a experiencia de Patricia Aguilar, unha moza de Elche que, aos 16 anos, foi captada por unha seita liderada por Féliz Steven Manrique. A serie detalla como Patricia foi manipulada a través de internet, abandonou á súa familia e trasladouse a Perú, onde permaneceu durante 548 días ata ser rescatada. Ao longo de tres episodios, o documental explora as tácticas de captación empregadas polo grupo relixioso, a relación de maltrato entre Féliz Steven e Patricia, o impacto na vida de Patricia e a súa familia e o proceso de “espertar” e rescate.

Dispoñible en Disney +. Ano 2023.

La asistenta

Maid (titulada en España como “La asistenta”) é unha miniserie dramática baseada no libro autobiográfico de Stephanie Land, que narra a vida de Alex, unha muller nova que, despois de romper cunha relación de maltrato, comeza a traballar como empregada doméstica mentres se responsabiliza da súa filla Maddy. Aínda que a serie incorpora toques de humor, ofrece unha visión crúa e emotiva sobre a resiliencia dunha nai, as relacións destrutivas e o camiño cara a superación persoal.

Dispoñible en Netflix. Ano 2021.

Podría destruírte

I May Destroy You (“Podería destruírte”) é unha serie dramática creada e protagonizada por Michaela Coel, que segue a Arabella, unha escritora que, tras ser vítima dunha agresión sexual durante unha noite de festa, loita por reconstruír a súa vida, mentres explora as complexidades do consentimento, o trauma e as relacións interpersoais. A través do seu proceso de recuperación, a serie aborda temas de identidade, poder e a procura da xustiza, mesturando momentos de humor cunha profunda reflexión sobre as experiencias traumáticas e o seu impacto nas persoas.

Dispoñible en Max e Movistar+. Ano 2020.

El cuento de la criada

El cuento de la criada é unha serie de drama distópico baseada na novela homónima de Margaret Atwood. A historia desenvólvese nun futuro próximo na República de Gilead, un réxime totalitario e relixioso que derrocou ao goberno de Estados Unidos. Neste mundo, as mulleres perderon case tódolos seus dereitos e as poucas que son fértiles son forzadas a ser “criadas”, encargadas de procrear para as elites gobernantes. A protagonista, Defred (June), é unha criada que, tras perder á súa familia, loita por sobrevivir nun sistema opresivo mentres intenta atopar unha forma de resistencia e recuperar a súa liberdade. A serie aborda temas de control social, opresión, feminismo e a loita pola autonomía individual e colectiva, entre outras cuestións.

Dispoñible en Primve Video, Max e Movistar+. Ano 2017.

Creedme

Baseada en feitos reais, “Creedme” (Unbelievable) narra a historia de Marie Adler, unha muller nova que denuncia ter sido agredida sexualmente, atopándose con escepticismo tanto da policía coma do seu entorno, o que a obriga a retractarse e afrontar graves consecuencias emocionais e sociais. Anos despois, dous detectives investigan unha serie de crimes sexuais noutra cidade, detectando un patrón que remata por conectar as investigacións acadadas co caso de Marie. A serie aborda temas como a revitimización, o impacto do trauma e a importancia de crer ás vítimas, amosando todo o sufrimento de quen son ignoradas, así como a dedicación de quen busca xustiza.

Dispoñible en Netflix. Ano 2019.

Big Little Lies

Na luxosa comunidade de Monterey (California), un grupo de mulleres enfronta segredos, rivalidades e un misterioso asasinato que ameaza con esvaecer as súas vidas aparentemente perfectas. A medida que se desentrañan as complexas relacións entre Madeleine, Celeste, Jane e outras mulleres, a serie explora a temática da violencia de xénero, amosando como estas experiencias afectan profundamente ás vítimas e a quen as arrodean. Big Little Lies combina intriga, drama e crítica social para revelar as verdades ocultas detrás dunha fachada de perfección.

Dispoñible en Max e Movistar+. Ano 2017.

Ni una más

Ni una más é unha serie que aborda o impacto da violencia de xénero en contextos educativos. A trama segue a Alma, unha rapaza que denuncia a un agresor sexual do seu instituto. Isto desata unha serie de tensións e conflitos, revelando un ambiente impregnado de machismo e complicidade. Ao longo dos episodios, explóranse os eventos traumáticos que levaron a Alma a tomar esta acción, así como as complexas dinámicas que afectan ás mulleres novas en contextos de poder e abuso.

Dispoñible en Netflix. Ano 2024.

Nevenka

A serie documental Nevenka narra a historia de Nevenka Fernández, quen en 2001 se converteu na primeira muller en España en gañar un xuízo por acoso sexual contra un político, o entón alcalde de Ponferrada, Ismael Álvarez. A través de testimonios de Nevenka e outras persoas involucradas, a serie revela as dinámicas de poder nas institucións, o machismo e o impacto emocional derivado da denuncia de acoso. Ademais, amosa como o seu caso marcou un precedente na loita polos dereitos das mulleres e a visibilización do acoso no ámbito laboral e político.

Dispoñible en Netflix. Ano 2021.

El desorden que dejas

Baseada na novela homónima de Carlos Montero, a serie segue a Raquel, unha profesora que chega a un instituto nunha vila galega, e substitúe a Viruca, quen acaba de morrer en estrañas circunstancias. A medida que investiga, descobre que Viruca estaba atrapada nunha relación de maltrato, o que comeza a desvelar unha rede de segredismo e complicidade da comunidade.

Dispoñible en Netflix. Ano 2020.

Veneno

Veneno relata a vida de Cristina Ortiz, unha muller trans que se converteu nunha icona da televisión española nos anos 90. A serie amosa a súa loita por atopar a súa identidade nunha sociedade profundamente transfóbica, enfrontando rexeitamento, discriminación e violencia tanto na súa vida persoal como profesional. A través da súa historia, Veneno expón a violencia á que se someteron as persoas trans mentres resalta a súa valentía na loita pola visibilidade e o dereito a vivir con liberdade.

Dispoñible en ATRES player. Ano 2020.

The Morning Show

The Morning Show segue os eventos que rodean un escándalo de acoso sexual nun programa de noticias matutinas dunha cadea de televisión. Cando un dos presentadores principais é acusado, a súa compañeira habitual enfronta unha crise de reputación e poder. Mentres loita por conservar o seu posto, unha periodista ambiciosa entra no programa, o que provoca tensións e cambios na dinámica do equipo. A serie aborda temas como o acoso laboral, a desigualdade de xénero nos medios de comunicación e as decisións éticas e comerciais tomadas no medio dunha crise mediática. Ao longo da súa trama, The Morning Show profunda nas complexidades da cultura do silencio, o poder e as loitas internas dentro da industria televisiva. 

Dispoñible en AppleTV. Ano 2019.