Este 25 de novembro celébrase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e desde a Área de Igualdade da Deputación da Coruña poñemos en marcha DE FRONTE á violencia de xénero, unha campaña e programa de actividades que apela directamente á implicación dos Concellos coruñeses, estendendo a chamada á acción a calquera outra entidade da provincia.

Esta campaña procura promover a creación dunha rede de administracións locais e entidades sensibles e comprometidas coa igualdade e a erradicación da violencia de xénero, xerando sinerxías entre elas, coa propia Deputación, e co resto da sociedade. Por outro lado, poñemos a disposición da veciñanza da provincia unha serie de actividades coas que seguir levando aos nosos espazos de traballo, educativos ou mesmo familiares a necesidade de sensibilizar fronte a desigualdade e a violencia de xénero, consecuencia directa daquela. 

Entre as actividades encontramos o Desafío poético, concurso que se desenvolverá entre o 4 e o 26 de novembro e que consiste en compartir en Facebook ou Twitter un texto poético, propio ou non. O premio serán tres bonos de 60€ para gastar en librarías da provincia. A partir do día 4 de novembro tamén se ofrecerán online e en aberto tres conferencias que abordarán a violencia de xénero desde diferentes perspectivas, como o da mocidade, da man de Vanessa Rodríguez Pousada, das tecnoloxías da información, con Sara Vierna Fernández, e dos medios de comunicación, con Ana Sanmartín López. Entre o 9 e o 15 de novembro desenvolverase unha actividade, guiada por Palmira Castro, de narración poética para todas as idades, conxuntamente cunha acción colectiva de origami nas redes sociais. Para público infantil e familiar, ofrécese “Contos de nenas grandes e pequenas”, unha produción de Marta Ortiz e Brais das Hortas, en aberto do 23 ao 29 de novembro.

A estas actividades únese a creación dunha web específica da campaña, defronte.gal, que conta con información sobre o proxecto, propostas de recursos de utilidade e acceso ás diferentes actividades. Por último, a campaña verase reforzada por oito pequenos vídeos onde diferentes persoeiros da cultura galega recitarán versos contra as violencias machistas.

Quedade atentas a todas a novidades da campaña no Facebook e no Twtter da Deputación da Coruña!

Cartel coas actividades: